Deste xeito, a comarca de Vigo tería unhas estimacións de ocupación do 97% durante o mes de xullo e do 92% durante o mes de agosto. “Trátase dun incremento moi significativo fronte ás estimacións do verán pasado, xa que estamos a falar de sete puntos máis do agardado en 2017”, sinalou Carmela Silva. A presidenta provincial asegurou que “estou segura de que imos incrementar os resultados definitivos de 2017”, que foron do 87,55% na provincia (84% en xullo e 91,1% en agosto). Este optimismo estaría en sintonía con entidades como Feprohos que, informou Carmela Silva, “asegura que a ocupación media este ano será un 3% superior á definitiva acadada o verán pasado”.
Ademais, con datos xa pechados, a Presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que a ocupación durante o mes de xuño foi do 70% na comarca de Vigo, fronte ao 68% rexistrado a nivel provincial, dun 68% no Baixo Miño e dun 65% no Condado e a Paradanta. A Presidenta resaltou que durante este mes “houbo unha elevada ocupación na cidade de Vigo” grazas en boa parte ao turismo de congresos, xa que a cidade olívica “acolleu en xuño máis dunha ducia de citas profesionais que encheron ao 100% numerosos hoteis da cidade”. Carmela Silva tamén sinalou o papel líder que ten Vigo no turismo de congresos a nivel galego, xa que “durante o primeiro semestre do ano o 48% entrou polo Porto de Vigo”.
Respecto ao que levamos de ano, segundo o INE de xaneiro a maio de 2018, a provincia xa recibiu a preto de 380.000 visitantes, de quen o 75% eran estatais (máis de 286.000) e o 25% restante eran persoas estranxeiras (preto de 93.000 persoas). “Nestes primeiros cinco meses do ano recibimos xa preto de 3.000 persoas máis que o ano pasado, cando nos visitaron algo menos de 376.300 persoas”, informou a Presidenta. Carmela Silva sinalou que “de todas esas persoas, Vigo acolleu a máis de 142.000 das que 40.000 procedían do estranxeiro”, isto é, o 28% fronte ao 21% de 2013. Estes datos sinalan que Vigo recibe ao 32,3% das persoas que visitan Pontevedra e o 9% das que visitan toda Galicia. “No 2017, a cidade rexistrou 421.000 visitantes, un ano de récord que este 2018 vai polo mesmo camiño”, asegurou a Presidenta.
Peinador, fundamental no incremento da rendibilidade económica da provincia
Ademais, Peinador é un dos factores que a provincia de Pontevedra rexistre un incremento da rendibilidade económica das actividades turísticas, fronte ao descenso xeneralizado do Estado. “A provincia aumenta un 11,9% en canto a ingreso medio por habitación dispoñible e un 7,7% no emprego” e isto está ligado, informou Carmela Silva, ao turismo do interior e “á notable afluencia de turismo estranxeiro con fortes mellores da nosa conectividade aérea”. A presidenta incidiu en que “levamos tempo dicíndolle á Xunta que se aposta polo Aeroporto de Vigo terá consecuencias moi positivas para Galicia”.
A Presidenta provincial resaltou que o Aeroporto de Peinador, “malia aos problemas que está a ter ultimamente co sistema antinéboa, que ninguén entende que se faga agora, rexistrou xa este ano preto de 416.500 pasaxeiras e pasaxeiros”. Este ano supón un incremento do 9% respecto ao mesmo período de 2017. Deste xeito, o Aeroporto de Vigo é o que máis medra de Galicia, fronte ao 8,6% de Alvedro e o 4,6% de Lavacolla. Carmela Silva valorou que “este ano o máis seguro é que superemos a cifra do ano pasado, que foi superior ao millón da viaxeiras e viaxeiros”. Peinador une Pontevedra con 16 destinos durante este verán: 9 cidades españolas (Barcelona, Bilbao, Eivisa, As Palmas, Madrid, Menorca, Palma de Mallorca, Tenerife Norte e Valencia) e 7 internacionais (Bolonia, Dublín, Edimburgo, Lisboa, Londres, Milán e París).