Segundo informou a CIG nun comunicado, con esta acción reivindicativa forzouse unha reunión cos responsables da empresa e logrouse “o compromiso de que se traballarán oito horas e que o abono de salarios será mensual e por nómina, para evitar excesos de xornada e que se sigan a pagar por hora e a un prezo de sete euros a hora”.
Esta nova mobilización para denunciar a “explotación laboral” nesta obra pública iniciouse pouco antes das 11:00 horas coa entrada dun pequeno grupo de delegados no interior das oficinas provisionais que a UTE ten nas plantas superiores dunha cafetería situada a carón da gasolineira de Rande, en Cabanas (Redondela).
Mentres, o grupo máis numeroso permanecía concentrado ás portas do edificio, onde se despregaron varias faixas contra a explotación laboral e “o fraude á Facenda e á Seguridade Social que están a cometer as compañías encargadas dos traballos de ampliación da ponte”.
Alí permaneceron ata pouco despois das 12.00 horas, cando rematou a xuntanza que mantiveron o xerente e o responsable de saúde laboral da UTE cos representantes sindicais que accederon ao interior das oficinas. Tanto a entrada como a permanencia nas instalacións transcorreu sen ningún tipo de incidente.
Segundo a CIG, unha vez finalizada a reunión a empresa comprometeuse a que a partir de agora se vai traballar unicamente en quenda de mañá e de tarde, de oito horas de duración cada unha. Ao mesmo tempo, partir do venres empregaranse por primeira vez tornos para o control de entrada e saída dos traballadores, xa que “nesta obra ninguén controlaba a entrada e saído do persoal”.
En canto á cuestión salarial, dende o sindicato trasladáronlles que os salarios teñen que ingresalos en nómina e vía bancaria e que non poden incluír os prorrateos das pagas, “porque se inflan os salarios en bruto e por aí escápase moito diñeiro”. Ademais, a CIG reclamou que o pago por hora desapareza, xa que “hai que establecer o salario mensual como marca o convenio”.