Carril lanzou este chamado durante a súa intervención ao remate da manifestación en Vigo, enmarcada na xornada de mobilizacións que o Colectivo de Xubilados e Pensionistas da CIG realizou nas sete cidade galegas e nas localidades de Lalín, As Pontes, Boiro, Cee e Burela en defensa do sistema público de pensións e dunhas prestacións dignas.
O representante sindical subliñou que é o momento de acumular forzas para dar unha resposta contundente que obrigue o Goberno do PP á derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, pois este «é o único camiño para articular medidas que garantan, de verdade, a viabilidade do sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional».
A este respecto, valorou que se xa tiñamos motivos de sobra para mobilizarnos, tras das declaracións de Rajoy onte Congreso, «agora temos máis razóns que nunca». Carril cualificou de «insultantes» as afirmacións do presidente do Executivo español, nas que aseguraba que o PP, desde que está no Goberno, non recortou as pensións e se negaba a derrogar as reformas aplicadas «que tanta extensión da pobreza e desigualdade están a causar».
Críticas á esquerda
Neste contexto, para o secretario xeral da CIG resulta «lamentable» a actuación «dos teóricos partidos de esquerda», que agora «corren a convocar manifestacións e protestas, pero son incapaces de anular as reformas e as políticas do PP e de Rajoy», a pesar de ter un goberno en minoría no Parlamento español.
Lamentou que a central nacionalista estivo levando en solitario esta loita «porque non houbo quen aguantara do tirón, quen quixera facer forza con nós contra estas reformas, quen tivera a valentía que nós tivemos de actuar». E nesta liña, insistiu en que a CIG non tivo dubidas á hora de nos mobilizar e de loitar. «Nós non caemos na resignación, na pasividade, no entreguismo sindical e na desmobilización. Así que a nós que ninguén nos dea leccións de nada, nin que temos que reivindicar nin como».
Reivindicacións
Na manifestación, o colectivo de pensionistas reclamou que sexa a administración quen garanta as pensións unhas pensións públicas e demandaron unha revalorización das pensións digna, en función do IPC e non do 0.25% que o goberno de Rajoy ofrece.
Igualmente, defenderon a eliminación dos topes máximos de cotización á Seguridade Social, a xubilación ordinaria aos 65 anos, unha pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional e a xubilación voluntaria ao cumprirse 35 anos de cotización.
O colectivo concluíu facendo un chamamento a traballadoras e traballadores “para que se sumen a estas mobilizacións, para que loiten polo seu futuro, por un futuro con pensións públicas dignas”.