A administración autonómica destinará entre 2019 e 2022 un investimento total de 350 millóns de euros para o desenvolvemento da industria galega co obxectivo de anticiparse aos cambios do novo modelo, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico.
A Axenda 4.0 servirá para continuar a impulsar o crecemento de tecido empresarial que aposte pola innovación e a internacionalización mediante a diversificación de produtos e mercados, de xeito que Galicia continúe como unha das comunidades líderes a nivel estatal no desenvolvemento da nova industria e da fábrica conectada, así como na dixitalización.
Entre este ano 2019 e o vindeiro 2020 xa se desenvolverán catro medidas clave que afondarán na transformación do tecido produtivo cara a Industria 4.0: a prestación de servizos ás pemes (Servizos 4.0); o desenvolvemento de centros de fabricación avanzada (Solucións 4.0); a creación dun Observatorio da Industria 4.0 (Plataforma 4.0); e un programa de financiamento para as empresas (Financiamento 4.0).
Servizos 4.0 dirixidos ás pemes. Lanzamento de novas business factories e desenvolvemento dos Hubs de innovación dixital xa activados, enfocados especialmente cara sectores estratéxicos, así como ás tecnoloxías emerxentes, internet das cousas e big data e analítica.
Solucións para avanzar na nova industria. Centros de Fabricación Avanzada co obxectivo de validar e demostrar recursos de tecnoloxías dixitais made in Galicia e fomento da colaboración entre empresas complementarias que xeren solucións conxuntas. Ademais, impulsarase a iniciativa Maquinaria 4.0, que incidirá no desenvolvemento de provedores de bens de equipo para a nova industria.
Observatorio da Industria 4.0. Creación dunha plataforma que facilitará o coñecemento mutuo entre axentes implicados e o deseño e activación de proxectos de colaboración.
Programa integral de financiamento. Para favorecer a realización de iniciativas de cooperación en I+D e o avance en investimentos tecnolóxicos e investimentos estranxeiros. Destinado a empresas que desexen fortalecer a súa competitividade por medio de iniciativas encamiñadas á consolidación do novo modelo industrial.
Todas estas medidas desenvolveranse baixo o paraugas da Gobernanza Industria 4.0, o órgano estable con representación dos axentes socioeconómicos (empresarios e sindicatos) para liderar a orientación e desenvolvemento desta nova etapa industrial en Galicia.
Balance dende 2015
Apoio a 8.925 empresas, mobilización público-privada de 935,6 millóns de euros en Galicia e creación de 14.500 novos empregos industriais. Estes son os resultados máis visibles da Axenda 4.0 aprobada en 2015 co consenso de 120 axentes sociais e desenvolta pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Do total dos investimentos realizados, un 60% centráronse en medidas específicas da fábrica 4.0, unha porcentaxe que se prevé incrementar co plan de acción para os vindeiros dous anos.
Galicia entrou coa Axenda 4.0 na vangarda do impulso á nova industria, sendo unha das comunidades autónomas de referencia en España, e situándose por diante da maioría das rexións europeas na implantación de actuacións de impulso á transformación e modernización do seu tecido industrial.
Así, a Business Factory Auto (BFAuto), as Unidades Mixtas de Investigación, os proxectos Industria 4.0, as axudas á dixitalización e o Polo Aeroespacial de Galicia figuran entre as accións realizadas pola Xunta que están consideradas entre as mellores prácticas neste eido a nivel nacional.
Acceso ao mundo laboral
Un total de 140 mozos e mozas poderán a acceder ao mundo laboral grazas ao programa Profesionais 4.0 que está aberto ata o vindeiro 7 de outubro. Trátase dunha iniciativa innovadora posta en marcha pola Xunta para facilitar a mellora competitiva do tecido produtivo galego, e pola que as compañías e organizacións interesadas poden acceder a axudas para a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos.
Dotada con dous millóns de euros, a nova liña de axudas incentiva a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústeres, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0.
Os titulados interesados deben darse de alta, previamente á resolución da convocatoria a finais de 2019, na base de candidatos do Igape, a través da cal as empresas e asociacións empresariais que participen no programa, e que poden solicitar as axudas utilizando a oficina virtual do Instituto, atoparán os candidatos axeitados.
Financiamento europeo
O programa Profesionais 4.0 conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo e súmase a outras iniciativas impulsadas pola Administración autonómica para favorecer a retención de talento na comunidade. Entre estas destaca o Principia; a través da súa cuarta convocatoria, a Axencia Galega de Innovación (Gain) apoia a contratación de 110 persoas mozas cualificadas de ata 35 anos de idade para a realización de actividades de I+D+i en 77 empresas e organismos de investigación de Galicia.