22072019Lun
Última edición: Dom, 21 Jul 2019 2pm

ii xornadas turistic

As xornadas sobre turismo intelixente e innovación enchen o museo Verbum de Vigo

Preto de duascentas persoas participaron nun evento que puxo de releve a importancia de empregar as TIC nun sector cada vez máis dixitalizado

10 Abril 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Unha das ponencias da xornada. / Foto: Deputación de Pontevedra Unha das ponencias da xornada. / Foto: Deputación de Pontevedra

As II Xornadas TurisTIC da Deputación de Pontevedra, centradas no Turismo Intelixente, congregaron no Verbum de Vigo a máis de duascentas persoas para escoitar a expertos especializados no eido da xestión turística intelixente dos destinos procedentes de diferentes puntos do Estado.

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que interveu na primeira das mesas redondas tituladas ‘A colaboración público-privada dos DTI’ xunto a David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, Fernando Fraile, director xeral do ICTE, e Javier Yagüe, responsable do Sistema de Xestión TIC no aeroporto de Vigo, fixo fincapé na importancia do evento para escoitar á sociedade, sumar sinerxías e apostar polas TIC no turismo para loitar contra o despoboamento.

“As administracións temos que ser referencias do cambio, estar pendentes do novo que vai xurdindo na sociedade para implantalo e convertelo en recursos que garantan o futuro dos territorios. Por iso as TIC, son os grandes instrumentos para que o noso país non sega neste proceso de despoboamento; temos que empregalas, aproveitalas para transmitir o que nos identifica e fai únicas e únicos. Quen non faga isto neste século XXI perderá o tren do futuro e xa do presente”, asegurou Silva.

A presidenta tamén asegurou que para acadalo é preciso un compromiso da administración pública co sector público e privado. “Precisamos que as administracións se convertan en axentes do cambio, porque dende as institucións públicas xestionamos os recursos das persoas e debemos devolverllos en forma de novas ideas encamiñadas a construír un proxecto común para que a cidadanía teña un futuro de calidade”.

Neste eido, Silva puxo ás xornadas TurisTIC como unha ferramenta para escoitar á xente porque “o sector turístico e a cidadanía en Pontevedra está preocupada de poñer en marcha novas ideas que nos fagan máis grandes aínda do que somos”. Así, destacou o talento que hai na provincia de Pontevedra e incidiu na importancia de que “as administracións abran as portas e fiestras, vexan a intelixencia que hai, escoiten á cidadanía para que a súa intelixencia entre nelas. Estas xornadas nos permiten tomar nota para converter ideas en realidades, máis no eido turístico, que representa o 12% do PIB de Galicia”.

Ademais da suma de sinerxías e da importancia de incorporar a intelixencia da sociedade ás administracións, a presidenta tamén incidiu na necesidade de seguir apostando polo aeroporto de Vigo; no turismo das emocións e experiencias; e na importancia da calidade (a provincia de Pontevedra é pioneira xa que é a que máis Q de calidade de Galicia ten) e a hospitalidade. Tamén recordou que a Deputación de Pontevedra é a única administración galega no proxecto de desenvolvemento dunha Rede de DTI para España e que está a apostar pola intelixencia no sector turístico a través de proxectos como ‘Tourist Inside’ ou TurisTIC.

Pola súa banda o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, incidiu na importancia de apostar polas tecnoloxías, pola intelixencia para reter talento nos territorios. Neste eido explicou iniciativas que se están a impulsar dende a Zona Franca para fomentar a cultura das TIC de forma colaborativa como os edificios intelixentes e o 5G. En canto a iniciativas de futuro, Regades amosou a necesidade de impulsar o turismo industrial.

Un Peinador intelixente
Tamén sobre proxectos de futuro falou Javier Yagüe, o responsable do Sistema de Xestión TIC e innovación no aeroporto de Vigo, que adiantou aspectos nos que está a traballar xa o aeroporto para converterse nun ‘Smart Aeroport’ e enmarcados tamén na iniciativa de edificios intelixentes, no 5G, no recoñecemento facial, na realidade aumentada, no ‘Design Thinking’, ou na aposta pola calidade para converter a Peinador no aeroporto mellor de Europa en canto a servizos prestados ás persoas pasaxeiras.

A aposta pola calidade, por auditala e certificala e a suma de sinerxías entre organizacións, foi o eixo temático no que se centrou Fernando Fraile, director do Instituto para a Calidade Turística. Fraile, que fixo un percorrido por colaboracións público-privadas de éxito desenvolvidas dende o nacemento da Q de Calidade na década de 1990, incidiu en que a suma de sinerxías en materia de calidade non soamente deben darse entre o público e o privado, senón tamén entre o público e o público e entre o privado e o privado.

O segundo relatorio contou coa participación da xefa de proxectos de SEGITUR, Edurne Vidal; co xerente de desenvolvemento de produtos de AENOR; e co experto en turismo e presidente de Spain Live Music, Iñaki Gaztelumendi,. O moderador David Villar, líder de Especialización e Gobernanza de CTIC Asturias, introduciu o concepto de “Gobernanza dentro dos Destinos Intelixentes” que, segundo os relatores e a relatora, está baseada “na colaboración e a coordinación entre os distintos entes públicos e privados” que interveñen nunha actividade turística desenvolvida nun territorio dado.

Ademais, tamén debateron sobre o exceso da información na sociedade actual e sobre a importancia de “mellorar a xestión e a capacidade analítica da información turística”. Tamén quixeron salientar “que non todos os modelos de xestión serven para todos os territorios”, senón que para unha correcta gobernanza dos destinos é preciso desenvolver unha “planificación estratéxica e unha toma de decisións en función dos datos, así como unha clara estratexia baseada nas demandas tanto do turista como do sector”.

Tras a análise da gobernanza dentro dos destinos intelixentes arrancou o relatorio sobre ‘Innovación aplicada á comercialización turística’, conducido pola directora de Paradores de Cambados e Pontevedra, Meritxell Marcos. O director da división en liña Halcón Viaxes-Globalia, Marco Táboas, asegurou que “estamos ante un novo paradigma de comercialización. A tecnoloxía está incorporada nas nosas vidas e, na actualidade, enfrontámonos a un cliente complicado que o que quere é vivir experiencias”.

Pola súa banda, Anna Borduzha, membro da empresa Mabrian, enxalzou a importancia que teñen valores como “a seguridade percibida durante e viaxe, o clima ou a satisfacción coa oferta turística”, entre outros factores, “para coñecer mellor como podemos adaptar a nosa oferta a cada un dos segmentos turísticos” a través da análise de datos. Finalmente, dende a empresa Perfeqto falou David González, que se centrou na “importancia do asociacionismo no sector hostaleiro” e reivindicou “máis tempo para xestionar os negocios vinculados á gastronomía” posto que, hoxe en día, “a xente busca máis o ambiente, ou facerse unha foto, que a propia comida”.

Mentres, en ‘Exemplos de turismo intelixente en Pontevedra’, moderado pola responsable do programa de asesoramento e cursos de formación TurisTIC Sonia Torres, tomaron o relevo as voces de empresas pontevedresas que están a colleitar éxitos a través da sinerxía entre novas tecnoloxías e turismo. Deste xeito o CEO de Xoia Software Development, Xoel Vázquez, puxo o foco “na importancia que teñen as novas tecnoloxías na mellora da experiencia do turista antes de emprender a viaxe, durante a viaxe e despois da viaxe”.

No caso da empresa Namorarte Viaxes Arqueolóxicas, Carmela Pereira asegurou que, “as novas tecnoloxías foron fundamentais para reducir custos e para chegar á xente de fóra de Galicia”. En canto á empresa Piragüilla Ocio e Aventura, Marta Iglesias apuntou que, ademais das novas tecnoloxías, é fundamental que neste tipo de negocios turísticos haxa “un compoñente humano” detrás. Ademais, ao longo do relatorio, reflexionouse sobre a necesidade “de máis axudas para a comercialización dos produtos”, así como unha “integración de esforzos no sector turístico vinculado ás novas tecnoloxías”.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

vigo en festas 2019

vigo

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos