23082019Vie
Última edición: Jue, 22 Ago 2019 10pm

turismo

‘Fame de experiencias’: así se promocionará a provincia en 2019

A Deputación de Pontevedra adiantou este mércores as liñas básicas da campaña turística para este ano, que será presentada a vindeira semana en Fitur

16 Enero 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Un fotograma do trailer do vídeo promocional. Un fotograma do trailer do vídeo promocional.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e o chef Pepe Solla deron a coñecer este mércores as liñas mestras de ‘Fame de Experiencias’, a campaña turística que este ano promoverá a provincia de Pontevedra e terá como punto de partida a Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid.

Silva, que adiantou que a presentación da campaña en Fitur terá lugar o 24 de xaneiro ás 12.00 horas, será “unha homenaxe a todas as persoas que integran a cadea de valor da enogastronomía a través dunha presentación sorprendente, innovadora, creativa, moderna e orixinal, rachará tópicos para deixar a todas as persoas con fame de experiencias”.

Segundo explicou a presidenta da Deputación, a campaña é “a solución a esa nova necesidade que temos de vivir experiencias únicas que nos sorprendan e que nos atrapen, e precisamente iso buscamos: que as persoas regresen, que todas as persoas ao ver a campaña sintan a necesidade de saciar a súa fama de experiencias vindo ata a provincia”.

A promoción integrará todo o territorio provincial, interior e costeiro, dando a coñecer que a provincia de Pontevedra “é un paraíso que alimenta os cinco sentidos con paisaxes, aromas, texturas, sons e sabores, que somos un destino multiexperiencial que combina a excelencia coa innovación, coa sustentabilidade dun territorio no que as persoas son parte indispensable das experiencias inesgotables que queremos ofrecer”.

Máis polo miúdo, Silva explicou que a campaña enlaza a enogastronomía co emoturismo, o turismo vinculado ás emocións. “A OMT no informe de turismo gastronómico presentado no 2017 puxo de manifesto que a experiencia gastronómica é hoxe tan importante como visitar un museo, desfrutar de música ou visitar a arquitectura dun destino”, asegurou a presidenta.


Valores gastronómicos

Neste eido, Carmela Silva fixo fincapé en que a provincia de Pontevedra conta con moitos recursos que “nos converten nun dos mellores destinos enogastronómicos do mundo”. Así, a presidenta fixo mención dende a Denominación de Orixe Rías Baixas ata as denominacións de orixe protexida (Mexillón de Galicia, Pemento de Herbón, Queixo de Tetilla e Queixo García-Ulloa) ou as dez indicacións xeográficas protexidas (Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Lacón Galego, Mel de Galicia, Tarta de Santiago, Tenreira Galega, Augardente de Galicia, Augardente de Herbas de Galicia, Licor Café de Galicia, Licor de Herbas de Galicia).

Igualmente, salientou a Ruta do Viño Rías Baixas, os cinco establecementos con Estrela Michelín e os oito Soles Repsol, eventos gastronómicos como o Vigo Sea Fest, Portamérica ou Etiqueta Negra Gourmet e festas enogastronómicas como a de interese turístico internacional do Albariño ou as de interese turístico nacional do Marisco do Grove, o Cocido de Lalín e a Lamprea de Arbo.

Durante a presentación dos eixos de promoción turística deste 2019 proxectouse un vídeo de avance da acción que se levará a cabo en Fitur. A presidenta provincial explicou que o vídeo está centrado en historias de persoas, seguindo a liña da campaña do ano pasado ‘Somos historias’. En concreto as historias que recolle a campaña son de produtoras e produtores que compoñen a cadea de valor que hai detrás da gastronomía da provincia de Pontevedra.

Persoas reais
Neste eido incidiu Pepe Solla, quen enxalzou que a campaña “está protagonizada por persoas reais, non por actores nin actrices, senón por produtoras e produtores, pola xente que está detrás e non se ve, polas persoas que dan valor á cociña galega”. Así, o chef pontevedrés incidiu en que “o que fai grande a cociña galega son os produtos, son as produtoras e os produtores, e esta campaña pon o acento nelas e neles”.

‘Fame de Experiencias’, que arrancará o 24 de xaneiro en Fitur, ten por obxectivos avanzar da man da enogastronomía nos dous eixos prioritarios do Plan Estratéxico de Turismo: a desestacionalización e a internacionalización.

Inicia sesión para enviar comentarios

transporte

navidad 2019

mar

celta

patrimonio de la humanidad

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos