A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, manifestou que “se ben decembro non é un mes especialmente significativo para o turismo, o certo é que os datos rexistrados veñen a ratificar que o 2016 foi un excelente ano turístico”. En concreto, Silva referiuse a que o pasado mes de decembro mantivo unha ocupación hoteleira do 30%, seis puntos por riba que decembro de 2015, superando o 50% de ocupación na ponte da Constitución e acadando o 80% en Noitevella en localidades como Vigo.
Por comarcas, Vigo foi a que acadou unha maior porcentaxe de ocupación ó superar o 46% en decembro. Séguena Deza e Tabeirós-Terra de Montes, cun 41% e Pontevedra co 40%. O Condado e A Paradanta acadaron o 37,5% de ocupación hoteleira durante o mes de Nadal, O Salnés superou o 34,19% e nas comarcas do Morrazo e Baixo Miño a ocupación foi do 20%.
No caso dos establecementos de turismo rural, a presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que a ocupación en decembro foi tamén superior a do ano 2015, en concreto, seis puntos superior. As comarcas que rexistraron unha maior ocupación hoteleira foron Pontevedra (preto do 30%) e O Baixo Miño (20%), ás que seguen O Condado e A Paradanta, Caldas, O Morrazo, O Salnés, Vigo e Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
En canto ó perfil da e do turista que visitou Rías Baixas durante o pasado mes de decembro, Carmela Silva indicou que procedían do noso país (80%), de Portugal e do Reino Unido, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos, que se aloxaron en hoteis de Vigo, Sanxenxo e Pontevedra entre 4 e 6 días, chegaron ata a provincia de Pontevedra empregando as estradas e o avión e o principal motivo polo que nos visitaron é o ocio en xeral (43%). Amais, a presidenta da Deputación salientou que “o 53% das persoas que nos visitaron non coñecían a nosa provincia, é dicir, trátanse de novos turistas que temos agora que fidelizar”.
Carmela Silva fixo tamén un balance dos datos de ocupación hoteleira ó longo do ano 2016. Ó respecto, subliñou que “o pasado ano Rías Baixas tivo unha ocupación hoteleira media do 45%, un crecemento moi significativo se temos en conta que o 2015 tivo unha ocupación media anual do 34%, é dicir, falamos de 11 puntos por riba no 2016”. Entre os datos máis salientables do ano pasado a Presidenta da Deputación destacou a ocupación hoteleira do 70% en Semana Santa e do 80% en verán, 30 puntos por riba que o mesmo período do ano 2015.
Plan estratéxico de Turismo
Por outra banda a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de redacción e elaboración do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, un dos obxectivos do Plan de Impulso do Turismo nas Rías Baixas que se presentou con motivo do Día Internacional do Turismo.
O Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2017-2020, dotado cun orzamento de 78.650 € e cun prazo de 6 meses de elaboración dende a sinatura do contrato, forma parte da nova forma de facer política turística na Deputación de Pontevedra, –en palabras da Presidenta- “pensada e planificada, na que o sector privado e público, municipios e empresariado, sectores produtivos e administración, traballan da man, sumando sinerxías, colaborando, escoitándonos para impulsar conxuntamente Rías Baixas e convertelo nun referente turístico nacional”.
A través do novo Plan Estratéxico, tal e como manifestou Carmela Silva, “teranse en conta as demandas do sector turístico, desde o aloxamento, ata a restauración e oferta complementaria, porque consideramos fundamental escoitar ás persoas do sector, porque son elas quen conviven coas e cos turistas e inciden de forma directa sobre a opinión que teñen do noso destino”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que as empresas que se presenten ó concurso para a redacción e elaboración do plan deben realizar un diagnóstico da situación actual do sector turístico da provincia para poder realizar unha formulación estratéxica e establecer conclusións.
En canto ó diagnóstico, as empresas terán que realizar un traballo de campo co sector privado, coñecer as súas necesidades e expectativas; realizar entrevistas personalizadas coas asociacións turísticas da provincia e con 40 empresas como mínimo dos diferentes sectores asociados á oferta turística, así como unha enquisa online a unha mostra representativa das empresas do sector e a organización de, ó menos, unha mesa de traballo en cada comarca. Tamén terán que analizar as características da demanda turística, da oferta e infraestruturas e dos servizos turísticos, así como da competencia e da cadea de valor. Amais realizarán tamén unha análise da xestión da información e da fidelización de turistas; estudarase o entorno social, económico, político, administrativo, cultural ou tecnolóxico que pode influír no desenvolvemento turístico; as canles de distribución comercial e promocional e todos os axentes que teñen relevancia en materia turística, para o que se elaborará unha ficha específica individual con información sobre a súa influencia; o canal de comunicación máis eficiente; as tendencias actuais en ámbitos similares á provincia de Pontevedra; o diagnóstico global do destino e os aspectos a ter en conta na definición do modelo turístico da provincia.
En canto á formulación estratéxica, as empresas deberán definir as liñas de traballo para o turismo das Rías Baixas e as accións a acometer nos próximos tres anos, así como a realización dun mínimo de cinco mesas de traballo co sector para contrastar e avaliar as liñas de traballo propostas no Plan Estratéxico. E na fase de conclusións incluirán tanto o orzamento de implantación e a estratexia de financiamento do plan estratéxico como a elaboración dun cadro de mando para o seu seguimento e un plan de comunicación para relanzar a imaxe de Rías Baixas.
A presidenta da Deputación de Pontevedra adiantou que un dos aspectos que se recollerán neste Plan Estratéxico, que comezará a implantarse no segundo semestre deste ano, será o turismo náutico, xa que Rías Baixas lidera o crecemento en Galicia. En concreto, Carmela Silva manifestou que “se en Galicia o crecemento foi do 4%, nas Rías Baixas foi do 14,6%” e engadiu que se tratan de “ turistas que permanecen na nosa provincia entre 3 e 4 días e gastan unha media de entre 150 e 200 € diarios, o que supón un impacto económico anual de entre os 1,8 e 2,4 millóns de €”.