As xornadas comezarán o propio 13 de maio, entre as 16.00 e 19.00 horas a través dunha visita libre ao recinto. O día 20 de maio, tamén mediante visita libre, amplíase o horario para que as persoas poidan coñecer o proxecto de musealización entre as 10.00 e as 19.00 horas.
Os días 21, 22, 24 e 25 de maio, igualmente de 10.00 a 19.00 horas, haberá a posibilidade de realizar o percorrido polo castelo a través de visitas libres e guiadas. Para participar nas guiadas, que terán lugar ás 11.00 e 17.00 horas, será preciso realizar unha inscrición previa a través do correo electrónico castelodesoutomaior@depo.es, xa que as prazas están limitadas a un máximo de 22 persoas por grupo.
A Deputación de Pontevedra, ente propietario do castelo, amosou a súa satisfacción pola boa acollida que está a ter a noticia da musealización do castelo de Soutomaior. Desde o anuncio da reapertura deste Ben de Interese Cultural (BIC) xa se rexistraron reservas de oito colexios da provincia, de seis axencias de viaxes e de grupos que en total suman máis de 1.000 persoas que xa se van a achegar na segunda quincena do mes de maio a coñecer o recinto.
“Queremos que toda a cidadanía teña a oportunidade de descubrir, de primeira man, a historia do castelo e dos seus personaxes a través da musealización realizada no recinto histórico”, apuntou este venres a presidencia da Deputación, Carmela Silva.