Por meses, a previsión para xullo é do 77,2 por cento e para agosto é do 79,5 por cento. Aínda que algunhas entidades como o Clúster de Turismo de Galicia falan de taxas superiores “dende a Deputación de Pontevedra preferimos facer unhas estimacións á baixa, quedar por debaixo e despois actualizar os datos cunha ocupación real moito maior”, tal e como afirmou a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, en referencia ao comportamento que se pode observar en certos portais de reservas online, que sinalan “unha ocupación do 85 por cento en xullo e do 88 por cento en agosto”. En 2016 a taxa de ocupación hoteleira media definitiva foi do 85,6 por cento en toda a provincia.
Por comarcas, no caso de Vigo o prognóstico fala dunha ocupación do 83 por cento, tres puntos por riba do que se agardaba o ano pasado. No Morrazo agárdase unha ocupación media do 85 por cento, no Baixo Miño do 76 por cento e no Condado e A Paradanta do 71 por cento.
En canto ao turismo rural, Rías Baixas adiantou que o índice estimado para o verán acadará o 68 por cento, é dicir, tres puntos máis que en 2016.
Turismo internacional
Está previsto que o 36 por cento dos turistas que cheguen ás Rías Baixas sexan internacionais, é dicir, cinco puntos por riba do obtido o pasado ano”. En canto á procedencia, a porcentaxe maioritaria dos estranxeiros virán de Portugal. Tamén se está a detectar unha maior presenza de persoas procedentes de Reino Unido e de Italia debido, fundamentalmente, á apertura de novas rutas aéreas en Peinador.
Ao respecto, Silva destacou que “é necesario apostar para que haxa máis rutas internacionais no aeroporto de Vigo, contra ao que suxire a Xunta de Galicia, xa que se está a demostrar que a aposta por voos internacionais dende Vigo incide directamente no incremento de turismo estranxeiro nas Rías Baixas”.
A Presidenta provincial tamén asegurou que aumentou considerablemente a afluencia de turistas procedentes de América, Australia e Holanda, “sobre todo realizando o camiño de Santiago, que ten que seguir a ser outra das nosas apostas xa que o 65 por cento dos turistas que realizan o camiño son estranxeiros”.
Perfil dos turistas
A maioría das persoas que visitaron Rías Baixas en xuño tiñan entre 35 e 60 anos e durmiron en hoteis de Sanxenxo, Vigo, O Grove, Pontevedra e Cangas. A estancia media sitúase entre 7 e 15 días e o 58 por cento das persoas turistas visítanos motivados por aspectos culturais.
Outro dos asuntos que salientou a presidenta da Deputación sobre o perfil das persoas turistas que visitaron en xuño as oficinas de turismo é que o “70 por cento non coñecía a provincia de Pontevedra o que manifesta que estamos a captar turismo novo, que nunca viu ás Rías Baixas, e que a promoción que estamos a facer a nivel nacional e internacional está a conseguir que veñan novos visitantes”.