A presidenta, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción pola “altísima” demanda que está a rexistrar a fortaleza, xa que “soamente onte pasaron polo recinto histórico máis de 300 visitantes”.
Estes resultados permiten ao organismo provincial sacar peito pola súa aposta , que pasaba por recuperar o recinto histórico para a cidadanía. “Queremos abrir á xente, ás familias, un espazo que é de todas e de todos e queremos facelo cun castelo renovado, cheo de contidos que poñen de manifesto a importancia deste enclave tanto para a provincia como para o resto de Galicia e do Estado”, asegurou Silva.
Desde a inauguración da musealización, Soutomaior está xa situado, segundo indicou a presidenta da Deputación, “á altura dos mellores castelos do mundo, dotado da máis avanzada tecnoloxía nas súas dez salas, con materiais explicativos interactivos que recollen a historia do castelo desde o século XII ata a actualidade, reproducións de documentos históricos, sete audiovisuais, recreacións en 3D, tres caixas máxicas e un marabilloso ‘videomapping’ que non deixa a ninguén indiferente”.