No acto presentouse o caderno de viaxe da Deputación que recolle as etapas do Camiño pola Costa e os principais recursos turísticos que as peregrinas e peregrinos poden visitar mentres percorren a ruta pola provincia, comezando na Guarda e rematando en Pontecesures e pasando polos concellos do Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis e Valga. Así, o caderno iníciase coa etapa entre A Guarda e Mougás, continúa entre Mougás e A Ramallosa, A Ramallosa- Vigo, Vigo- Redondela, Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Caldas de Reis e Caldas de Reis-Pontecesures. En todas e cada unha destas etapas, o caderno de viaxe inclúe información relativa á distancia, desnivel, albergues, onde marcar a credencial e principais recursos turísticos que se atravesan mentres se percorre o Camiño Portugués pola Costa.
O elemento sorpresa do caderno foi a tecnoloxía de realidade aumentada, empregada para poder ver en 3D os recursos turísticos dos concellos. Para poder gozar desta “maxia”, como a cualificou Carmela Silva, as persoas deberán descargar unha aplicación móbil gratuíta (Rías Baixas RA) e empregala sobre as fotografías.
Tamén presentouse o vídeo promocional principal, “Reasons to come to Rías Baixas”, que ten como protagonista a un peregrino de fala inglesa que transmite as razóns que motivaron a escolla do Camiño pola Costa e entre as que destaca, por riba de todas, o feito de ser o único dos camiños á beira do mar, que conxuga auga doce e salgada, costa e interior, ó tempo que da mostra da rica historia da provincia de Pontevedra, percorre faros, pazos e casas señoriais, praias, cidades e conxuntos monumentais, e permite ás e ós peregrinos “consolar os pes en augas milagrosas”.
Os vídeos foron o fío condutor da viaxe polos 15 concellos da provincia que integran o Camiño, protagonizados desde as redeiras e o traballo das mulleres do mar nas Rías Baixas, ao enoturismo vertebrado ó redor do concello do Rosal. A Presidenta da Deputación engadiu que “xunto coa gastronomía e o enoturismo non sería posible entender Rías Baixas sen a natureza e o mar, con paisaxes que quitan a respiración, con praias espectaculares e as Illas Cíes, un dos cen destinos sostibles do mundo e lugar especial para a conservación de especies e peregrinación de aves norteñas”. A aposta polo termalismo e polo patrimonio etnográfico, tamén estivo presente na promoción de Rías Baixas en FITUR. Neste contexto, falouse da historia dos antigos poboadores galaicos e os numerosos xacementos da provincia de Pontevedra, desde o Paleolítico máis inferior así como a grande cantidade de xacementos galaicos e da época romana existentes na provincia de Pontevedra. Xa para rematar, a Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que “o Camiño Portugués pola Costa é unha experiencia única, quen a vive leva consigo un anaco noso para sempre, é un camiño para gozar con todos os sentidos”.
O acto de presentación organizado pola Deputación de Pontevedra rematou coa estrea da composición musical “Un lugar en el mundo”, composta e interpretada polo músico das Rías Baixas Teo Cardalda especificamente para promover o destino onde naceu. Ó respecto, Carmela Silva manifestou que “Rías Baixas tamén son música, música como a de Teo Cardalda, un artista coñecido por todas e por todos que tivo o detalle de compoñer unha canción e unha banda sonora inspirada na brisa do Atlántico mentres se percorre o Camiño Portugués pola Costa”.