12122018Mié
Última edición: Mié, 12 Dic 2018 11am

A ocupación media en Semana Santa superou as previsións en seis puntos

A taxa chegou ao 68,3 por cento malia o mal tempo rexistrado

03 Abril 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Os resultados superaron as expectativas. / Foto: Arquivo Os resultados superaron as expectativas. / Foto: Arquivo

A ocupación hoteleira media da provincia de Pontevedra durante a Semana Santa foi do 68,3 por cento, tal e como indican os datos revelados este martes pola Deputación. A presidenta do organismo, Carmela Silva, valorou positivamente estes resultados, xa que superan ata en máis de seis puntos a estimación realizada antes deste período, cando se prevía unha taxa do 62 por cento.

A representante provincial subliñou que “xa cando demos a coñecer as nosas previsións asegurábamos que existía incerteza debido ao anuncio dun tren de borrascas que ao final si tivemos e deixou choivas a maior parte dos días de vacacións. Comezamos coa cicloxénese explosiva Hugo e rematamos a semana con ata neve a 30 quilómetros de Pontevedra… E todo isto sumado a que marzo do 2018 foi o mes con máis precipitacións dos últimos dez anos, segundo as estacións meteorolóxicas da provincia”.

Con todo, “pese a estes factores negativos ao final superamos as nosas estimacións do 62% ata en máis de seis puntos, acadando unha ocupación final do 68,3% nos establecementos hoteleiros da provincia”.

Por comarcas, Vigo obtivo unha ocupación media do 61%, por riba da estimación prevista, que se situaba no 50%. O Morrazo superou ata en 15 puntos as estimacións efectuadas, chegando ao 59%. Pola súa banda, o Baixo Miño acadou un 65%, as comarcas do Condado e da Paradanta chegaron ao 80% e as do Deza e Tabeirós-Terra de Montes ata o 70%.

No caso da bisbarra de Caldas practicamente se cumpriron as previsións da institución provincial, ao obter un 85% fronte ao 87% que se agardaba. O Salnés obtivo unha ocupación do 58,13%, con picos do 60% en localidades como O Grove ou Sanxenxo.

Pola súa banda Pontevedra, cunha ocupación do 83,5%, “foi a comarca con mellores resultados da provincia. Incluso os propios representantes do sector sinalan que moita xente que tiña previsto acudir a outros puntos da provincia finalmente veu pasar os días ata esta comarca”, destacou Silva.

A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer a variación interanual na provincia de Pontevedra destacando que, “se comparamos o mes de marzo do 2018 co mesmo mes do ano anterior, este ano os datos foron moito mellores xa que a ocupación foi tres puntos superior á obtida en marzo do 2017, é dicir, un 43% este ano fronte ao 40% do pasado”.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

sucesos

navidad

peajes

acordo

comarcas

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos