25092018Mar
Última edición: Mar, 25 Sep 2018 8pm

PLAN ESTRATÉXICO DE TURISMO

A Deputación aposta polo turismo sostible, de calidade e desestacionalizador

O obxectivo é ofrecer un destino multiexperiencial, poñendo en valor todos os recursos culturais, paisaxísticos e naturais para crear unha oferta diferenciada e atractiva

07 Enero 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Capilla del Monte Alba. / Foto: VIGOÉ Capilla del Monte Alba. / Foto: VIGOÉ

A Deputación de Pontevedra intensificará neste novo ano 2018 a súa aposta polo turismo sostible, de calidade e desestacionalizador ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo. De feito, a institución provincial xa anunciou a creación produtos específicos e medidas de apoio á comercialización.

Así, a provincia de Pontevedra artellará a súa oferta turística arredor do patrimonio, tendo en conta cales son os produtos turísticos prioritarios do destino. Desta maneira, aproveitarase o feito de que o 2018 é Ano Europeo do Patrimonio Cultural co obxectivo principal de ofrecer un destino multiexperiencial e crear plans de produtos específicos anuais poñendo en valor todos os recursos culturais, paisaxísticos e naturais para así construír unha oferta diferenciada e con capacidade de atracción de diferentes segmentos de demanda. En canto á promoción das Rías Baixas como destino multiexperiencial, esta vaise artellar entorno a sete elementos: o patrimonio, a auga e o mar, a enogastronomía, a arqueoloxía, a natureza, os camiños de Santiago, e os festivais de música.

Máis polo miúdo, en canto ao patrimonio, o Plan Estratéxico de Turismo establece nove liñas diferenciadas: “Patrimonio Fortificado”, para promocionar torres e castelos como Soutomaior, Sobroso, Salvaterra, Cambados e Monterreal; “Patrimonio Arqueolóxico”, cos xacementos galaicos de Santa Trega, Monte do Facho, A Lanzada, Alobre, Castrolandín e Monte de O Castro; “Patrimonio Paisaxístico”, para difundir xardíns como os do Pazo de Rubiáns, Soutomaior, Lourizán, o Xardín Botánico de Caldas de Reis, Pazo de Oca e Quiñones de León; “Patrimonio Literario”, a provincia como fonte de inspiración a través das figuras de Valle Inclán, Emilia Pardo Bazán, María Vinyals e Julio Verne; “Patrimonio Relixioso e Espiritual”, para dar a coñecer o Mosteiro de Carboeiro, a Catedral de Tui, o Mosteiro de Poio, o Mosteiro de Armenteira, o Mosteiro de Acibeiro e o Mosteiro de Oia; “Patrimonio Inmaterial”, mitos, lendas e tradicións da provincia; “Patrimonio Natural”, coa promoción de especies senlleiras e aves; “Patrimonio Etnográfico e Cultural”, para difundir os principais museos da provincia, e “Patrimonio e Mosteiros”, para a cal crearase a ruta dos Mosteiros.

Por outra banda, promocionarase o destino Rías Baixas como auga e mar, posto que o Destino Rías Baixas é moito máis que praias, mar e rías. Tanto na costa como no interior, o patrimonio relacionado co mar e cos ríos é tan amplo e rico que permite crear un produto turístico relacionado coa auga doce e salgada e dirixido a diferentes públicos obxectivos. Tamén, posto que os recursos enolóxicos e gastronómicos da provincia de Pontevedra son de alta calidade e recoñecidos internacionalmente e xa que son numerosas as Festas de Interese Turístico galego dedicadas aos produtos alimentarios e vitivinícolas, crearanse experiencias enogastronómicas na provincia cos produtos máis salientables. En canto á arqueoloxía, promoveranse diferentes accións arredor dos xacementos arqueolóxicos e das mostras de arte rupestre presentes na provincia e localizadas en excepcionais contornas naturais.

Pola súa parte, a provincia conta cun gran patrimonio natural que xunto cunha oferta aloxativa, especialmente no rural, convértese nun destino idóneo para o descanso, o relax e a práctica de deportes e actividades ao aire libre. Para elo, deseñaranse experiencias turísticas que potencien o interior da provincia. Por último, tamén crearanse ofertas multiexperienciais entorno ao Camiño de Santiago (Camiño de Santiago Enogastronómico, Camiño de Santiago Multicultural e Camiño de Santiago Excelente) e aos festivais musicais (Rías Baixas Fest).

Seguindo esta liña exposta no Plan Estratéxico de Turismo, a Deputación de Pontevedra, coa súa promoción turística, terá o obxectivo de inducir ao viaxeiro a necesidade de adquirir bens e servizos. Neste eido, detectáronse unha falta de empresas que se dediquen á comercialización de produtos e experiencias turísticas no destino, polo que a institución provincial promoverá unha serie de accións encamiñadas ao fomento da comercialización a través dos intermediarios turísticos. En concreto, estas accións consistirán na creación de experiencias e escapadas turísticas de diferente duración baseadas nos segmentos de mercado e produtos prioritarios, o establecemento dunha canle de comercialización a través do sitio web oficial de Turismo de Rías Baixas e, por último, creación da bolsa de contratación “Travel Book Experience” para o fomento da comercialización a través de intermediarios.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

PUBLICIDAD

vigo

comarcas

escapada

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos