A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que este novo produto, enmarcado na campaña “Fame de experiencias”, “vai situar aos museos como un dos axentes de promoción turística da provincia e unilos ás excelencias gastronómicas que temos para espertar moita fame de vir ata aquí e coñecer todas as experiencias que se poden vivir”.
En liñas xerais, o novo produto turístico para a provincia de Pontevedra ofrece doce rutas tematizadas con información detallada sobre museos, centros de interpretación, xacementos arqueolóxicos, elementos patrimoniais musealizados abertos á visita, así como lugares de interese paisaxística, produtos e eventos gastronómicos e establecementos de restauración e aloxamentos de cada unha das zonas polas que transcorre o percorrido.
“Falamos de que moitos destes recursos, destes museos e centros de interpretación teñen unha estreita relación cos produtos gastronómicos e co viño, e cunha grande diversidade temática e estreita conexión co noso territorio”, manifestou Silva.
As doce rutas que integran o produto turístico “Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía” son: “Terra de fronteiras, auga e historia” (comarca do Condado), “Puro Atlántico” (comarcas do Baixo Miño e Vigo), “Un mar de historias” (comarca de Vigo), “Arte e cidade” (comarca de Vigo), “O campo, un mundo de riquezas” (comarca de Tabeirós-Terra de Montes), “O sagrado na natureza e o control da paisaxe” (comarca do Baixo Miño), “Entre o mar e a terra” (comarca do Morrazo), “As historias dos mananciais” (comarca de Caldas), “Do mar e do viño” (comarca do Salnés), “Terra adentro” (comarca do Deza), “Un tesouro artístico” (comarca de Pontevedra) e “Viño e lamprea” (comarca da Paradanta).
Segundo manifestou a presidenta este novo produto turístico trátase dun paso máis na aposta do goberno provincial pola desestacionalización e internacionalización. “As doce rutas propostas poden ser desfrutadas ao longo do ano, pola riqueza e variedade cultural, natural e gastronómica de cada unha delas”, asegurou a presidenta.
En canto á internacionalización, Silva subliñou que o novo produto turístico “pretende reforzar, actualizar, mellorar e adaptar os museos e centros de interpretación a un público máis amplo, diverso e internacional”. Neste contexto a presidenta detallou que “Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía” trátase dun “produto aberto, amplo e dinámico, para público nacional e internacional, para a mocidade, para persoas que viaxan soan ou en familia, que permitirá coñecer a provincia a través de doce propostas atractivas asociadas coa cultura, gastronomía, viño, paisaxe e natureza”.
As doce rutas propostas que se integran neste novo produto turístico contarán cun espazo na páxina web de Turismo Rías Baixas. Ao mesmo tempo divulgaranse a través das redes sociais e de folletos individuais para cada unha das rutas que poderán atoparse tanto na web como nas oficinas de turismo.