Nesta primeira cita da xornada de promoción en Oviedo, Silva dará a coñecer os atractivos turísticos das Rías Baixas, centrándose na campaña “Somos historias” e nalgúns dos puntos en común entre Asturias e a provincia de Pontevedra. Ademais da presenza das autoridades locais e do Principado, á presentación do destino asistirán, unha vintena de turoperadores, así como medios de comunicación e axentes turísticos.
A presidenta tamén manterá reunións de traballo nas que se abordarán cuestións relacionadas coa innovación e a xestión intelixente dos destinos turísticos, eixos nos que a institución provincial está a traballar activamente.
Xa pola tarde, ás 20.30 horas terá lugar a Gala Solidaria no Eurostars Hotel de La Reconquista a favor da Fundación Mensajeros de la Paz. Nesta gala, a provincia de Pontevedra terá un especial protagonismo xa que os produtos que se van degustar proceden das Rías Baixas. Concretamente, servirase polbo, vieiras, linguado e unha sobremesa a base de Albariño. O viño será tamén da DO Rías Baixas e irá etiquetado co lema da campaña promocional da Deputación de Pontevedra ‘Somos historias’.
Para a Deputación de Pontevedra o público asturiano é “preferencial” xa que Asturias se trata dun grande emisor de visitantes á provincia. Ademais, segundo os estudos realizados por Turismo Rías Baixas, o público do Principado valora moi positivamente aspectos da provincia como son a cultura e a gastronomía.