Neste eido, sorprendendo cunha escenificación a modo de intercambio de opinións entre dúas amigas e un amigo que están a decidir o itinerario a realizar, Silva, Acebedo e Riós foron achegando información relativa ao Camiño Portugués, ao Camiño Portugués pola Costa, ao Camiño de Inverno, á Vía da Prata, á Ruta polo Mar de Arousa e ao Itinerario Cultural do Pai Sarmiento.
Vigo e a súa comarca, ao través do Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, tiveron un peso específico durante a presentación provincial. A presidenta da Deputación Carmela Silva, o actor Rubén Riós e a guía do castelo de Soutomaior, Alba Acebedo, recomendaron as vistas das Illas Cíes, a fortaleza de Baiona e Cabo Silleiro, as praias de Nigrán e a propia cidade de Vigo, “onde pasear por Samil, polo Lagares, polo castelo de San Sebastián e o Berbés e degustar finalmente ostras na Pedra; percorrer as salinas romanas da cidade, as mellor recuperadas de toda a Península Ibérica, e unha vila romana en Toralla” apuntou a presidenta.
Amais da comarca de Vigo, outras comarcas da provincia polas que transcorren vías cara Compostela foron tamén protagonistas da presentación da Deputación en Fair Way. Neste eido, Silva manifestou que “me encantan as opcións do interior da provincia, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno”, que atravesan as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Neste eido, ¡ falou de espazos como o Pazo de Oca na Estrada, “o Versailles galego”, a Fervenza da Toxa en Silleda, “un lugar máxico como o Mosteiro de Carboeiro, tamén en Silleda, de visita obrigada”. Tamén recomendou a visita ao Pazo de Liñares, en Lalín, “un edificio señorial no que se atopa o Centro de Xestión Arqueolóxica da Deputación de Pontevedra”, e, na mesma vila, a Fraga de Catasós e o Museo da Marioneta. Outros recunchos do Deza e Terra de Montes como as Brañas de Xestoso foron tamén protagonistas da presentación da institución provincial en Fair Way.
Xunto aos recursos turísticos, a presidenta da Deputación tamén se detivo a enxalzar produtos gastronómicos das comarcas, como “un bo cocido” ou queixos e pans da zona.
Do Salnés, a presidenta, o actor Riós e a guía Acebedo detivéronse no Itinerario Cultural do Pai Sarmiento e na Ruta Marítima do Mar de Arousa. Ao respecto, recordaron as lendas que indican que pola Ría de Arousa nunha barca de pedra chegaron ata Galicia os restos do Apóstolo Santiago. En canto á comarca, puxeron en valor lugares como Cambados e O Grove, onde gozar do enoturismo e dos mariscos, en Vilanova para recordar “a Valle Inclán paseando polas rúas”, e o Faro de Punta Cabalo na Illa de Arousa. Outras vilas que recomendaron foron Sanxenxo e a praia da Lanzada e a zona intermareal do Grove, “un paraíso para os amantes do birding”.
A comarca de Pontevedra, a través do Camiño Portugués, foi outra das protagonistas da presentación. Neste eido, recordaron a capital e as súas prazas, concretamente A Verdura e A Ferreiría, onde comer ao aire libre, así como o lugar de Ponte Sampaio. Tamén recomendaron unha visita ben en Combarro, “unha marabilla, case de conto”, ou unha aventura termal en Cuntis ou en Caldas e degustar un roscón ao tempo que descansar na súa carballeira.
A presidenta, o actor e a guía tamén fixeron mención á comarca do Baixo Miño, a porta de entrada na provincia das vías que veñen dende Portugal. Neste eido detivéronse na Guarda e nas “vistas espectaculares dende o Castro de Santa Trega”, no Mosteiro de Oia, “o único a carón do mar”, e Tui, “con espazos como a catedral, o Miño, e paisaxe e unha historia que namoran”.
Amais dos recursos turísticos polos que atravesan as vías cara Compostela, a presidenta da Deputación intercambiou experiencias sobre produtos que todas comparten, como os viños da DO Rías Baixas, as carnes e mariscos, os restaurantes con estrela Michelín, “toda a realidade gastronómica que configura a provincia de Pontevedra e esperta Fame de Experiencias”. Deste xeito, e co fío do eslogan da campaña da Deputación para este 2019 (“Fame de experiencias”), a presidenta provincial recomendou que “para saciar a fame de experiencias hai que percorrer os camiños que atravesan a provincia de Pontevedra, porque hai moitos paraísos no mundo e un deles é a nosa provincia. Vivimos nun lugar que namora”.
Durante a feira Fair Way, amais da presentación que tivo lugar esta mañá, estanse a desenvolver reunións do sector público e privado no stand propio da Deputación de Pontevedra, o máis vangardista e innovador da Feira, coa finalidade de “promover e dinamizar os camiños, este recurso turístico de primeira orde”. Tamén, a través do stand estanse a promover as experiencias que se poden realizar a través dos camiños cara Compostela pola provincia, concretamente as relacionadas coa gastronomía, enoturismo, cultura, arqueoloxía, termalismo e a camelia.