O obxectivo é achegar á cidadanía as distintas variedades vitivinícolas existentes na denominación de orixe, poñendo en valor os produtos da provincia, ao tempo que se pretende reforzar a conciencia cidadá sobre os viños das Rías Baixas, “que identifican ao noso territorio por todo o mundo e que cada vez contan con máis influencia e prestixio”. Así o indicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que presentou esta iniciativa xunto co presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil.
Carmela Silva explicou que “todo o que ten que ver co sector vitivinícola é fundamental no presente, pero de seguro que o vai ser no medio e no longo prazo. É un sector cunha potencialidade inmensa, non só ligado á produción e á internacionalización dos nosos viños, que son os mellores do mundo, senón tamén cunha capacidade de atracción turística espectacular que fai de nós un territorio diverso, diferente e único”. Por iso, a presidenta asegurou que a Deputación “non pode máis que sumarse” a esta iniciativa de cata a cegas, que ata agora a Ruta do Viño Rías Baixas viña celebrando sempre na vila de Cambados, pero que este ano se achega ata Soutomaior, “así que será unha actividade moi especial nun escenario privilexiado”.
A presidenta provincial lembrou que “non podemos esquecer que todo o que rodea o sector do viño supón un recurso turístico que xera cada vez máis interese, polo que ten unha gran capacidade desestacionalizadora e convértese sempre nunha alternativa turística de calidade”. Silva enxalzou, neste punto, o gran traballo realizado pola D.O. Rías Baixas e pola Ruta do Viño Rías Baixas para a posta en valor dos viños da provincia, “fundamentais para o futuro da nosa provincia, que máis alá de Galicia xa son unha referencia que nos enche de orgullo”.
As persoas interesadas en apuntarse á cata a cegas no Castelo de Soutomaior poden facelo dende hoxe mesmo na páxina www.taquilla.com ou no teléfono 902 504 500. O prezo é de 5 euros para quen se achegue en vehículo propio e de 8 euros para quen viaxe en autobús (sairán dende a capela de San Roque en Pontevedra e dende o Centro A Laxe en Vigo). Hai 100 prazas dispoñibles e iranse cubrindo por orde de inscrición.
A cata a cegas, que empezará ás 11 da mañá, constará de dúas partes. Na primeira, un sumiller guiará ás persoas participantes na cata de cinco viños diferentes da D.O. Rías Baixas podendo ver de que viños se trata e facendo as anotacións pertinentes, e na segunda parte, a cata será a cegas para acertar de que viños se trata. As persoas que atinen, en cada mesa, serán obsequiadas cun diploma acreditativo, e entre todas elas, sortearase un enopack, que vai consistir nunha visita guiada a unha adega, cunha degustación e cun almorzo.
A actividade compleméntase cunha visita guiada previa ao Castelo de Soutomaior, ás 10 da mañá. Ademais, haberá animación musical cun DJ e degustación de petiscos especiais con produtos de temporada, acompañados dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Aínda que cada mesa só catará cinco viños, as persoas participantes poderán degustar ao final calquera dos viños presentes na iniciativa, que serán entre 40 e 45 diferentes.
O presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil, explicou que a entidade viña organizando esta cata amateur dende 2012 en Cambados “cun éxito sempre cada vez maior, xa que é unha actividade moi divertida, onde a xente goza moito, pasa unha magnífica xornada e coñece algo máis sobre os nosos viños. Vendo este ano como podiamos mellorar esta iniciativa, xurdiu a colaboración coa Deputación e agora vamos facelo nun entorno inigualable. De seguro que vai ser unha cata especialmente boa este ano por todo o espazo que vamos ter arredor”.
Tanto Carmela Silva como Juan Gil aproveitaron o acto de presentación desta cata para felicitar ao concello de Cambados, que vén de ser escollido mellor municipio enoturístico de España pola Asociación de Cidades do Viño de España (Acevin).