As inscricións poden realizarse a través das canles habituais de comercialización de Afundación, en Ataquilla.com e mediante o teléfono 902 504 500.
Oferta formativa
«Cociña para principiantes II» é un obradoiro impartido por Montse Alonso e dirixido a persoas con pouca ou sen experiencia no ámbito da cociña co obxectivo de que os asistentes adquiran as nocións necesarias para a elaboración dun menú sinxelo, equilibrado, económico e san adaptado ás necesidades da vida actual. O curso, que está estruturado en catro sesións, de dúas horas de duración, iniciarase o luns 7 de novembro e continuará os días 14, 21 e 28. O horario é de 20.00 a 22.00 h.
O seguinte dos cursos organizado, «Cociña para familias: cociña co teu mellor pinche», trátase dunha proposta, impartida tamén por Montse Alonso, na que compartirán fogóns nenos e nenas de entre 7 e 14 anos cos seus pais ou nais, ou a persoa adulta que desexe acompañalos. Está composto dun total de catro sesións de dúas horas de duración. A primeira delas será o sábado 12 de novembro e as restantes serán os días 19 e 26 de novembro e finalizará o 3 de decembro, en horario de 11.00 a 13.00 h.
«Hoxe cociño eu: Especial celebracións de novembro!» é unha proposta orientada a que as reunións, nas que as persoas asistentes ao curso exerzan de anfitrións, sexan todo un éxito gastronómico. Estruturado en catro clases de dúas horas de duración e en horario de 20.00 a 22.00 h. As datas previstas para a celebración das clases son os mércores 9, 16, 23 e 30 de novembro.
Afundación ofrece tamén o curso monográfico «Cociña o arroz nos fogóns. Receitas ao teu alcance» durante o cal se elaborarán diversos pratos de arroz, empregando técnicas de cociña tradicionais e innovadoras. Algunhas das elaboracións previstas son: arroz con mexillóns ao albariño, risotto de arroz e lentellas, trampantollo de arroz con leite ou cazola de arroz con xiba e alcachofas. O taller estrutúrase en catro clases de dúas horas en horario de 20.00 a 22.00 h. Os días previstos para a súa celebración son os xoves 10, 17 e 24 de novembro e o 1 de decembro.