A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado colabora no desenvolvemento deste programa Xuntos polo Nadal a través dunha experiencia de voluntariado. A iniciativa permitirá que 17 persoas voluntarias colaboren na programación especial nas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño para realizar labores de voluntariado coas persoas maiores. En concreto, 4 persoas voluntarias se desprazarán ata Panxón, e 13 á residencia do Carballiño.
Os voluntarios proporcionarán apoio e acompañamento aos maiores e colaboración na organización das actividades lúdicas que terán lugar en ambas residencias do 23 de decembro ao 2 de xaneiro de 2016. A experiencia de introducir persoas voluntarias nas edicións pasadas do programa ‘Xuntos polo Nadal’ (7 persoas en en 2012 e 2013, e 9 en 2014) foi altamente gratificante, tanto para o persoal das residencias, como para as persoas maiores e para os propios voluntarios.
As persoas voluntarias que participen na iniciativa estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil subscrita pola Dirección Xeral de Xuventude,Participación e Voluntariado. Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado expediralles un certificado acreditativo onde conste a labor realizada e as tarefas desenvolvidas polas persoas voluntarias.
O programa Xuntos polo Nadal, que comeza o 23 de decembro e remata o 2 de xaneiro, incluirá aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, o desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo ata as residencias de tempo libre, así como a viaxe de volta. Ao abeiro do programa realizaranse numerosas actividades de animación sociocultural durante os 11 días nos que transcorra ‘Xuntos polo Nadal’.
Cómpre lembrar que as axudas ao fomento do voluntariado son unha das políticas fundamentais da Dirección Xeral de Xuventude, que este ano 2016 verá incrementados os seus orzamentos nun 15% ata chegar aos 9.443.168 euros. En particular, as axudas que impulsan o voluntariado dirixidas a entidades locais e outras asociacións veranse incrementadas nun 4,08% superando os 520.000 euros.