O obxectivo deste Camiño Solidario foi recadar fondos para axudar á ONG Taller de Solidaridad na construción dunha aula de Secundaria na misión de Chiriaco, que está na selva amazónica do Perú.
Durante as últimas semanas procuraron patrocinadores que colaboraran economicamente co proxecto e conseguiron reunir máis de 300 apoios entre as súas familias e, sobre todo, entre establecementos comerciais e pequenas empresas do barrio de Teis. Ao longo destes días de Camiño tamén sumaron novos mecenas nos albergues nos que durmiron ou nos lugares nos que pararon para comer.
Aínda que este domingo finalizaron a súa andaina, ata o 1 de xuño van seguir recollendo patrocinios, así que calquera persoa ou entidade que queira pode sumarse a esta causa solidaria. A máxima achega son 20 euros por todo o camiño e a mínima 0,20 céntimos por quilómetro.
É a primeira vez que o colexio San José de La Guía pon en marcha unha iniciativa destas características e, segundo explicou o coordinador da actividade, Santiago Domínguez, “o resultado non pode ser máis satisfactorio”. “Todos os nenos e nenas aguantaron moi ben o Camiño e gozaron moito da experiencia. Seguro que vai ser algo que non van esquecer”, engadiu.
Igualmente, salientou o feito de que se involucraran tanto para axudar a outros rapaces e rapaces, máis ou menos da súa idade, que teñen moi difícil o acceso á educación.