O responsable socialista criticou que mentres en 2016 o goberno galego destinou 2,7 millóns de euros para unha poboación – diana de 7.000 persoas, a pesares de que hai 35.000 fogares sen ingresos, para 2017 reduciu a 1,2 millóns as partidas para o tique eléctrico que supostamente deberan beneficiar a 13.748 persoas.
Alertou de que “están facendo mal” a posta en marcha destas medidas, cun sistema “complexo” e ademais “desconectado da estrutura de axuda ás familias con dificultades” e fai moi complicado que as persoas que o necesitan poidan facer as solicitudes. Considera “esperpéntico” que por exemplo obriguen a facer as peticións por vía informática a uns fogares que non dispoñen de enerxía eléctrica e a unhas persoas sen formación.
Losada lamentou que o goberno galego teña “presumido” dunha “estratexia extremadamente pouco ambiciosa” ao conceder un total de 5.995 tiques eléctricos durante tres anos, ademais de evitar cortes de luz a 1.000 familias, cando Galicia ten un total de 37.000 fogares sen ingresos e 10.000 infravivendas.
Sinalou que mentres Feijóo viaxa a Madrid para “sacar peito” do cumprimento dos obxectivos de déficit, os fogares sen ingresos continúan a medrar en Galicia un 13,1 por cento, nunha tendencia inversa ao resto do Estado, onde xa diminúen un 12,6 por cento. Explicou que Galicia non albisca a día de hoxe ningún tipo de mellora no número de fogares sen ingresos, que no conxunto do Estado levan diminuíndo dende 2013.