23102018Mar
Última edición: Lun, 22 Oct 2018 7pm

"É o proxecto máis fermoso do mundo, nada máis relevante que loitar pola igualdade"

Carmela Silva inaugurou na Casa das Artes de Vigo a exposición “Rompe. Xoga en Igualdade” que poderá visitarse ata o vindeiro 13 de maio na cidade

11 Abril 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
A presidenta da Deputación e o alcalde de Vigo asistiron na Casa das Artes á provocadora mostra con 18 paneis e vitrinas nas que as  Barbies denuncian a desigualdade. / Foto: Deputación de Pontevedra A presidenta da Deputación e o alcalde de Vigo asistiron na Casa das Artes á provocadora mostra con 18 paneis e vitrinas nas que as Barbies denuncian a desigualdade. / Foto: Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, inauguraron este mércores na Casa das Artes de Vigo a exposición “Rompe. Xoga en Igualdade” que poderá visitarse ata o vindeiro 13 de maio na cidade.

A mostra, que foi ideada con motivo do 8 de marzo comeza así, coa súa chegada a Vigo e tralo seu paso polo Pazo Provincial de Pontevedra, a percorrer os concellos que así o soliciten para amosar todas as inxustizas que padecen as mulleres, rachar coa desigualdade e construír un mundo mellor.

Carmela Silva remarcou os obxectivos principais da exposición que son, principalmente “amosar como vivimos as mulleres no mundo, reivindicar os nosos dereitos, que somos o 52% da poboación e que queremos a metade de todo, e rachar contra un sistema que nos leva invisibilizando centos de milleiros de anos”. Por todos estes motivos, a presidenta provincial destacou que “este proxecto é o máis fermoso do mundo xa que non hai nada máis relevante que loitar pola igualdade, para que todas e todos sexamos iguais”.

Tanto a presidenta como a deputada de Igualdade explicaron o nacemento de “Rompe. Xoga en Igualdade”, “un proxecto que xurdiu da solidariedade e é un berro para que se acabe, dunha vez por todas, a desigualdade”, indicou Abelairas. Máis polo miúdo, Carmela Silva recordou que “queríamos preparar para o 8 de marzo algo que golpeara as conciencias, que chegara ao intelecto e ao sentimento e así xurdiu a mostra que representa as moitas situacións que padecemos as mulleres”. Deste xeito, a presidenta provincial recordou dende as 55 mulleres asasinadas o ano pasado, ata o emprego do corpo feminino como mercadoría, as casas como cárceres, a beleza, a violencia, a invisibilidade á que se someten, a pobreza, o matrimonio infantil… cuestións, todas elas, que se recollen en “Rompe. Xoga en Igualdade”.

“O 8 de marzo, máis de 5 millóns de persoas saíron ás rúas para rachar con esta situación que vivimos as mulleres –indicou Silva- e isto é precisamente o que pretende a exposición: rachar coa desigualdade e poñer en valor que non queremos seguir vivindo nun mundo que non nos trata como merecemos, que queremos ser tratadas como persoas con todos os dereitos e todas as capacidades”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, recordando ao filósofo Wittgenstein, asegurou que “o máis importante no entendemento da sociedade é a concatenación da linguaxe e os feitos reais do mundo xa que aquelo que non ten representación verbal ou visual non existe. Por iso esta exposición forma parte do desenvolvemento wittgensteniano para poñerlle forma á realidade e incidir en que a sociedade ten que mudar cara á igualdade, en que non se pode permanecer cego e mudo con respecto a esta situación, en que cómpre rachar con isto”.

As artistas da mostra, Isabel Blanco, Irene Silva e Noemí Chantada amosaron o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra, polo impulso de “Rompe. Xoga en Igualdade”, e ao concello de Vigo, pola cesión da Casa da Cultura para acollela na cidade olívica. Deste xeito, Blanco asegurou que “nunca na miña vida pensei que despois de milleiros de veces de pasar por diante deste lugar ía estar hoxe aquí dentro e con algo creado por min e por iso preparamos unha sorpresa, que tamén faremos no resto de concellos aos que chegue a exposición, e que consiste en agasallar cunha pequena instalación de barbis. Así que como esta viaxe comeza en Vigo creamos unha boneca cunha rama de oliveira, a árbore máxica da cidade”.

Pola súa banda Irene Silva e Noemí Chantada incidiron na “vontade de cambiar e devolver a muller ao lugar que sempre mereceu” e na “importancia da linguaxe universal da arte para romper e xogar en igualdade”.

“Rompe. Xoga en Igualdade” consta de 18 paneis e vitrinas con bonecas Barbis “intervidas” que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación que sofren as mulleres ao longo de toda a súa vida desde o momento no que nacen. A mostra amosa a través da poesía visual a cruel realidade das mulleres a través dunha boneca Barbie, intervida en diferentes escenarios, que poñen de manifesto as inxustizas que padecen as mulleres dende nenas.

A boneca protagonista da exposición foi seleccionada por tratarse da máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas do mundo pero que, ao tempo, transmite valores sexistas, presentando a unha muller obxecto, que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos. Deste xeito, as artistas creadoras da mostra interviñeron as bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico, e por elo, diante de cada peza haberá un martelo co fin de trasladar a idea de romper con esa situación.

“Rompe. Xoga en Igualade” poderá visitarse na Casa das Artes de Vigo ata o domingo 13 de maio e estará aberta ao público de luns a venres, en horario de 18.00 horas a 21.00 h; os sábados, de 12.00 horas a 14.00h e de 18.00h a 21.00 horas, e os domingos e festivos de 12.00 horas a 14.00h.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

economía

mar

proyectos

celta

  • Últimas noticias

  • Más leído