22102017Dom
Última edición: Dom, 22 Oct 2017 12am

Solalinde: “A loita polos dereitos humanos volveuse unha cousa de vida ou morte”

O candidato ao Nobel da Paz denuncia a terrible situación das persoas migrantes nunha conferencia organizada por Amnistía Internacional Vigo

06 Octubre 2017 por
Valora este artículo
(0 votos)
Alejandro Solalinde, durante a súa intervención. / Foto: Duvi Alejandro Solalinde, durante a súa intervención. / Foto: Duvi

Era un dos candidatos ao Premio Nobel da Paz 2017 ata que este venres confirmouse que o galardón ía parar á campaña a prol do desmantelamento de armas nucleares. En calquiera caso, para el significou xa o recoñecemento para todas e todos os que loitan contra as terribles violacións dos dereitos humanos que vive México e un “trancazo” para o Goberno.

De visita estes días en España, este xoves achegouse ao campus Alejandro Solalinde, sacerdote católico mexicano defensor dos dereitos humanos das persoas migrantes e director do albergue Hermanos en el Camino, que proporciona asistencia humanitaria, médica e psicolóxica, ademais de orientación, aos migrantes centroamericanos que se xogan a vida no seu camiño cara Estados Unidos.

Convidado polo grupo local de Amnistía Internacional, Solalinde compartiu coa comunidade universitaria múltiples reflexións de quen está acostumado a enfrontarse a continuas intimidacións e ameazas pola denuncia constantes de asasinatos, roubos, secuestros, violacións...

“A loita polos dereitos humanos volveuse unha cousa de vida ou morte, eu mesmo estou ameazado, hai centos de defensores e defensoras que xa non o poden contar, decenas de xornalistas que foron asasinados por publicar a realidade do que pasa, tamén moitísimos sacerdotes mortos, sete mulleres que son asasinadas cada día…”, explicou o relixioso ante o numeroso público que asistiu a súa conferencia nunha das aulas da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

“Son só exemplos da grave situación na que se atopan os dereitos humanos no mundo en xeral e en México en particular, e os defensores temos que facer un esforzo por seguir traballando sen medo “, recalcou Solalinde, quen durante anos leva exercendo como ‘a voz dos sen voz’, a man amiga a que suxeitarse cando xa non queda nada a que aferrarse.

“Quen controla as fronteiras é o crime organizado”
Presentado por José Antonio Rodríguez, responsable en Vigo de Amnistía Internacional, Solalinde fixo unha dura denuncia da situación das persoas migrantes, ás que se referiu como simple mercancía para o crime organizado.

“Quen controla as fronteiras é o crime organizado, hai corruptos a ambos lados dos muros e pasa quen paga, quen se somete as súas extorsións”, explicou Solalinde, quen non dubidou en exemplificar as súas palabras con algunhas das historias coas que el está en contacto día a día, anacos de vida que, pese a ser contados coa súa voz calmada, puxeron a pel de galiña a máis de un e non deixaron indiferente a ninguén.

Con respecto ao “famoso muro de Donal Trump” non dubidou en afirmar que “non vai servir para nada porque os migrantes xa están dentro, para o único que pode resultar útil é para calmar as paranoias dunha parte do pobo norteamericano”, explicou o misioneiro que, como en cada unha das súas comparecencias públicas, fixo duras críticas a un sistema político pregado aos intereses do capitalismo.

“Todos somos vítimas dunha cultura tremendamente capitalista e individualista e, pola contra, todas e todos somos existenciais, todos precisamos de todos, xa sexamos un migrante ou un magnate”, recalcou Solalinde, a quen o seu labor humanitario o obrigou a abandonar en máis dunha ocasión a o seu país por cuestións de seguridade.

Ao longo da súa intervención o sacerdote mexicano referiuse tamén ao tiroteo acontecido esta semana nas Vegas. “Dixeron que era un feito illado pero é o pan de cada día, hoxe Estados Unidos é un territorio sementado de violencia”, insistiu o sacerdote, que criticou con dureza o poder da Sociedade Americana do Rifle “unha entidade poderosísima a que penso xa ninguén pode deter”.alejandro solalinde vigo

Escribir un comentario


Código de seguridad
Refescar

incendios forestales

entrevista: greenpeace

vigo

  • Últimas noticias

  • Más leído