Así, a profesora Olimpia Freire, do departamento de Téxtil confección e pel dese Centro entregou hoxe as pezas, unha de serie de figuras en polipel recheas de material flexible que permite aos nenos xogar con elas e desenvolver distintas habilidades e destrezas – motoras, coordinación psicomotriz, equilibrio, e forza muscular-.
Neste proxecto, coordinado polo IES Montecelo de Pontevedra, participa tamén a Facultade de Belas Artes. O obxectivo era dotar ao hospital, grazas aos traballos dos centros de formación, dunha nova área lúdica, con mobiliario e divertimentos típicos dunha zoa de recreo para nenos. A nova área, denominada o “Patio de Recreo”, creouse hai un par de anos. Esta nova entrega de material ven a complementar a devandita zoa lúdica.
Aprendizaxe e servizo
O coordinador desta iniciativa, José Ángel Cruces, do departamento de Artes Gráficas do IES Montecelo explica que “a mellor metodoloxía de aprendizaxe da formación profesional é “aprender traballando”, polo que esta actuación é un proxecto de aprendizaxe e servizo no que o noso alumnado pon en valor o traballo da aula cooperando a súa vez en actividades sociais que impacten socialmente na contorna. Neste senso, non hai mellor impacto que mellorar a calidade do tempo dos nenos hospitalizados”-.
Humanización Pediátrica
Este proxecto enmárcase no desenvolvemento de varios piares da Estratexia XXI, que da resposta a dúas liñas de actuación: á esencial do Plan, “O paciente é o primeiro”, e a relativa á “Xestión do coñecemento, investigación e innovación”.
A Primeira Liña do Plan Estratéxico da Área Sanitaria de Vigo é acadar unha Sanidade máis humana. Trátase de humanizar o coidado ao paciente en todo o proceso asistencial, especialmente en situacións críticas e de fraxilidade. Neste senso, o servizo de Pediatría é un dos que recibe maior atención.
En relación coa outra liña do Plan, a “Xestión do coñecemento, investigación e innovación”, esta iniciativa fortalece e potencia a colaboración coas Institucións universitarias e centros educativos con proxectos multidisciplinares de interese recíproco.