A experiencia tivo unha importante acollida no último Congreso Europeo de Uroloxía, celebrado en Copenhague, pola novidade que supón a súa aplicación e polos seus resultados, que son moi satisfactorios.
O doutor Manuel Carballo, urólogo do Chuvi, explica que “hai unha técnica que se estaba desenvolvendo en Europa, pero o que conseguimos facer é unha modificación da mesma, que produce mellores resultados, que é máis efectiva e que causa menores problemas aos pacientes”.
A modificación realizada en Vigo mellora determinados aspectos técnicos que permiten abordar maior número de casos que, doutra forma, necesitarían dunha cirurxía aberta coas consecuentes complicacións para o paciente, e que mesmo aumenta o índice de morbilidade.
A nova técnica realízase sen incisión, mediante o emprego de láser e instrumentos endoscópicos de calibre fino, coa finalidade última de salvar a unidade renal. Tras unha operación de cancro de vexiga invasivo con substitución da vexiga por segmento de intestino, poden producirse anomalías que chegan a afectar á función renal, co perigo que iso reporta para o paciente.
Coa aplicación desta técnica, o paciente está non máis de dous días ingresado no hospital, unha vez realizada a intervención.
Técnica de Lovaco
“O doutor Lovaco foi un dos pioneiros en levar a cabo intervencións coa técnica que leva o seu nome. Pero o que empezamos a facer aquí é unha modificación da mesma, que está a dar uns excelentes resultados e que mellora á calidade de vida do paciente”, subliña o doutor Manuel Carballo.
O servizo de Uroloxía da área sanitaria viguesa é dos poucos que utilizan esta técnica en Galicia e os únicos que puxeron en marcha a modificación. No que vai de ano realizáronse con éxito preto de media ducia de intervencións co novo sistema no Chuvi.
“Estamos satisfeitos polo eco obtido, pero sobre todo polo beneficio que este sistema proporciona aos pacientes operados de cancro de vexiga”, recalca o doutor Carballo