Baixo o título de “Factores metabólicos asociados ao aneurisma de aorta abdominal. Cribado de aneurisma de aorta abdominal en Atención Primaria mediante ecografía abdominal”, a doutora Guede fixouse como obxectivo da súa investigación avaliar o diagnóstico por ecografía en Atención Primaria para este tipo de patoloxías.
A tese doutoral realízase en colaboración coa Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. Está dirixida pola doutora Ana Clavería e o titor do traballo é Federico Mallo.
Recollida de datos
A autora da tese explica que “comecei o traballo en 2013, no meu último ano de residencia, cun proxecto sobre este tema”. A iniciativa de investigación presentouse nese mesmo ano na reunión anual da Rede Europea de Investigación en Atención Primaria que se celebrou en Malta. En 2014 a iniciativa foi premiada pola Rede Española de Atención primaria ( REAP).
Desde entón comezou a fase de recollida de datos na que participaron, de forma altruísta, 14 facultativos de 9 centros de saúde da área sanitaria de Vigo. O estudo poboacional de cohortes centrouse en homes da área de entre 65 e 74 anos de idade. Un grupo de poboación que está considerado como o de maior risco de padecer aneurisma de aorta abdominal.
«A análise dos datos basais co 65% recrutado mostrou unha prevaleza do aneurisma de aorta abdominal de 4.34 (2.7-6.7), e da análise dos factores de risco destacan a hipertensión arterial e o tabaquismo. Estes datos foron presentados en Leizpig en 2016”, explica a doutora Guede.
A colaboración do servizo de Cirurxía Vascular desde o inicio foi imprescindible para determinar a correcta derivación e seguimento dos pacientes. De feito, existe un Protocolo de derivación -nestes momentos integrado no Proxecto Canles- como vía preferente de derivación desta patoloxía, desde Atención primaria ao servizo hospitalario de Cirurxía Vascular.
Reducir a mortalidade
A finalidade última é abrir a posibilidade de reducir a mortalidade, “e para iso é bo poder facer un diagnóstico precoz; a ecografía no centro de saúde é unha excelente ferramenta”, conclúe a doutora Clara Guede.
A doutora Guede subliña que “a ecografía é cada vez máis habitual nos centros de saúde” e considera que os seus compañeiros de Atención Primaria fórmanse cada vez máis no emprego deste procedemento diagnóstico.