Os enterovirus e parechovirus producen infeccións en nenos que soen ser banais, aínda que ás veces poden afectar ao sistema nervioso central, producindo trastornos da linguaxe, memoria, aprendizaxe, conduta ou incluso epilepsia ou parálise cerebral.
Segundo afirma a primeira fírmante desta investigación, a doutora Antía Fiel, “o obxectivo deste traballo era analizar as manifestacións clínicas e a epidemioloxía das infeccións do sistema nervioso central por este tipo de virus en menores de 36 meses ingresados no hospital, avaliar o seu desenvolvemento neurolóxico e detectar secuelas a medio prazo destes casos”.
Bo prognóstico na maioría dos casos
Nesta investigación estudaron a 39 pacientes infectados por estes virus, cunha idade media de diagnóstico de 8,6 meses. Precisaron ingreso o 90% deles, cunha estadía media de 5,5 días. O 65% dos casos aconteceron nos meses de primavera e no verán.
A clínica máis frecuente con que cursaron estas patoloxías foi a febre (87%), irritabilidade (49%), vómitos (28%), infección respiratoria alta (23%), cefalea (20%) e exantema (8%).
Os especialistas realizaron un seguimento destes nenos durante tres anos, e dous anos despois do episodio detectaron que dous deles -nos que identificárase un tipo de virus moi concreto e máis lesivo- tiveron secuelas neurolóxicas, nun deles con afectación á area motora e noutro con alteracións no ámbito social e comunicacional.
Como conclusións, a infección do sistema nervioso central por enterovirus é frecuente en menores de 36 meses con febre sen foco, especialmente durante os meses cálidos, desde maio a setembro.
Protocolos no Chuvi
O servizo de Pediatría do CHUVI ten implantados estritos protocolos de actuación para a detección e identificación destes virus, así como para o control e seguimento dos nenos afectados.
O equipo que realizou este estudo conclúe que “aínda que na maioría dos casos o prognóstico é bo, é recomendable que o xenotipado e identificación destes virus se inclúa de rutina nas infeccións do sistema nervioso central en lactantes, tal e como vense facendo desde hai tempo na área sanitaria de Vigo, de cara a establecer unha alerta e posterior control evolutivo dos nenos afectados”