A revisión dos tratamentos enmárcase nos traballos da rede Cochrane, que é unha colaboración independente de profesionais da saúde, que pretenden compendiar os estudos e publicacións sobre determinadas patoloxías, a fin de facer recomendacións e actualizar eses mesmos tratamentos.
“A revisión define os fármacos son máis eficaces e seguros para o tratamento sistémico da psoríase, unha vez que dispoñemos da mellor información que existe”, resume o doutor García Doval.
Os tratamentos sistémicos afectan a todo o corpo e pódense tomar en forma oral ou en inxección. Tratan ao corpo desde o interior, a diferenza dos tratamentos tópicos ou a fototerapia, que tratan ao corpo desde o exterior.
Os tratamentos sistémicos resérvanse habitualmente para pacientes con síntomas moi severos, para os que non responden os medicamentos tópicos convencionais ou a fototerapia, e para as persoas que non poden utilizalos.
As revisións Cochrane resumen todos os estudos dispoñibles sobre un tema, xeralmente de tratamento. Para a súa realización, expertos internacionais seleccionan os artigos máis fiables e combinan os seus resultados xerando a mellor información dispoñible na actualidade sobre tratamentos.
Método de traballo
“Cada revisión supón un traballo enorme, pola gran cantidade de información que se utiliza e polo rigor dos métodos empregados”, explica o dermatólogo do CHUVI. Neste caso, os investigadores tiveron que revisar máis de 5.000 publicacións relacionadas co tema, das que seleccionaron 109 estudos publicados.
Tal como o equipo de investigación relata no artigo final de conclusións, os estudos seleccionados recollen as experiencias clínicas de 39.882 persoas con psoríase moderada ou severa e todas elas con máis de 18 anos. Desa cifra de poboación, 26.902 foron casos rexistrados en homes e o resto, mulleres.
A maioría dos estudos publicados comparaban os efectos dun tratamento sistémico cos resultados de aplicar un tratamento placebo. Vintecinco dos estudos compararon os resultados obtidos tras o uso de dous tratamentos sistémicos diferentes, e o resto, once, arroxaban comparacións de resultados entre máis de dous sistémicos e un tratamento placebo.
Os resultados da investigación publicáronse nun artigo incluído no número de decembro da Cochrane Library, unha das revistas de maior impacto en medicina.