As destinatarias do proxecto, que leva o nome de “Ponte guapa, te sentirás mejor”, son seleccionadas polo propio persoal do Servizo de Oncoloxía do Chuvi, de entre aquelas pacientes que consideren que a súa participación pode beneficiarlles no seu proceso de tratamento.
Para a súa atención, a Fundación Stanpa proporciona dous profesionais de estética voluntarias. Ademais, no proxecto participa un representante do Servizo de Oncoloxía e a coordinadora do Voluntariado da Asociación contra o Cancro.
Cada sesión ten unha duración de dúas horas, nas que as profesionais amosan ás participantes as técnicas de maquillaxe e estética para mellorar o seu estado de ánimo así como o seu aspecto externo, que pode resultar alterado polos efectos secundarios do tratamento oncolóxico, como perda de pelo, decoloración e sequidade na pel. Uns efectos secundarios que varían segundo a paciente ou o protocolo e a duración do tratamento. Por ese motivo, o coidado da pel é un dos elementos importantes para recuperar un aspecto natural e saudable.
A iniciativa do programa xurdiu hai máis de 25 anos en Estados Unidos, baixo o epígrafe “Look Good Feel Better”. A Fundación Stanpa dispón dos dereitos en exclusiva do proxecto para España. A Fundación Stanpa é unha organización sen ánimo de lucro promovida pola Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética.
Os obradoiros son gratuítos tanto para as participantes como para o Chuvi, e o seu desenvolvemento non interfire coa asistencia médica nos hospitais. Está considerado como un programa “neutro”, é dicir que non se trata dunha actividade promocional nin publicitaria e os produtos doados polas marcas son incluídos nun neceser multimarca no que os produtos e as súas propias marcas van cambiando continuamente.
“A cosmética acompaña ás mulleres ao longo a súa vida, nos momentos cotiáns e felices, pero tamén quere estar ao seu lado nos momentos de dificultade como é pasar por un cancro”, explica Val Díez, directora xeral da Fundación Stanpa, que apunta: “Coidar o aspecto, ademais de mellorar o estado de ánimo, axuda a afrontar de forma máis positiva os tratamentos e as súas consecuencias, aumenta a autoestima e facilita a interrelación coas persoas do entorno da paciente”. Desde a súa implantación en España en 2012 a través da Fundación Stanpa, o programa “Ponche guapa, sentirás mellor” implantouse en total en 26 hospitais públicos.