O goberno nacional vén de publicar unha resolución na que se autoriza o incremento de tres novas prazas acreditadas para a formación de especialistas en pediatría no complexo vigués, pasando das catro actuais a sete; ademais das catro prazas de residentes en enfermaría pediátrica (EIR).
Nesta resolución especifícase tamén a autorización para incorporar á Unidade Docente Multiprofesional de Pediatría, como dispositivos docentes asociados, aos centros de saúde de Teis e de Mos. En total son dez os centros de atención primaria acreditados para ofrecer esta formación , xa que estes dous novos veñen a sumarse aos que xa viñan desenvolvendo esta actividade: Rúa Cuba, Matamá, Pintor Colmeiro, Sárdoma, Porriño, Val Miñor, Gondomar e Redondela.
O xefe do servizo de Pediatría, José R. Fernández Lorenzo, manifesta a súa satisfacción con esta resolución “xa que é un recoñecemento da nosa capacidade docente e dos nosos resultados asistenciais, e representa unha oportunidade para posicionarnos como referencia nesta formación especializada, dado que somos o centro sanitario galego con maior número de residentes nesta especialidade”.
Maior poboación infantil de Galicia
Cómpre lembrar que a área sanitaria viguesa atende á maior poboación infantil de Galicia, a 72.115 nenos e nenas de 0 a 14 anos, o que xera un gran volume de actividade.
A autorización ministerial suporá unha maior dispoñibilidade de especialistas –en catro anos contarase con 28 novos pediatras–, o que contribuirá a facilitar as coberturas a curto e medio prazo e minimizar o impacto producido pola absoluta carencia actual no mercado laboral de pediatras en desemprego. O paro cero nesta especialidade está xerando dificultades en toda España á hora de cubrir prazas e ausencias dos titulares.
Cobertura pediátrica do 88%
A solicitude de novas prazas MIR enmárcanse no conxunto de actuacións que Servizo Galego de Saúde está desenvolvendo para poder dispoñer de máis pediatras: ampliouse a posibilidade de xubilación ata os 68 anos, e estase a promover a captación de profesionais fóra de Galicia.
Cómpre lembrar que Galicia é unha das comunidades autónomas con maior taxa de cobertura pediátrica nos centros de saúde, un 88%, mentres que noutras comunidades autónomas, case a metade dos nenos non teñen pediatra e son atendidos polo facultativo de familia.