Así, con motivo do Dia Mundial da Asma que se celebra mañá día 1 de maio, os facultativos organizaron unha campaña de concienciación sobre o axeitado uso da medicación de rescate entre estes pacientes. Segundo explica o promotor desta campaña, o xefe de servizo de Pneumoloxía, Alberto Fernández Villar -“ é coñecido que ata un 60-70% dos asmáticos non presentan un adecuado control da súa enfermidade, sendo relativamente frecuente o uso en exceso de medicación de rescate ou alivio en pacientes que deberían de recibir, ademais, un tratamento de mantemento pautado. Este sobreabuso desfavorece o control da enfermidade, aumenta o risco de exacerbacións graves e implica un deterioro progresivo da función pulmonar”-.
O tratamento de rescate -broncodilatadores de acción rápida- é unha medicación específica e puntual para momentos críticos da enfermidade, non pode ser de uso habitual. Os broncodilatadores presentan un efecto inmediato, entre 3 e 5 minutos, aínda que as poucas horas desaparece. Non teñen acción preventiva, solo alivian os síntomas porque “abren o bronquio”, polo que se coñece como medicación de rescate. Os pacientes con uso excesivo de borncodilatadores de acción rápida teñen mala calidade de vida, e risco de complicacións. Ademais, trátase dunha medicación que non está exenta de toxicidade: nerviosismo, taquicardia, arritmias e incluso fracaso respiratorio.
Coa campaña “Rescata a túa asma” os farmacéuticos informarán aos pacientes asmáticos sobre este aspecto, e distribuirán uns dípticos informativos sobre a correcta utilización da súa medicación de rescate.
Xornada de Portas abertas no Meixoeiro
Outra das actividades a desenvolver para conmenorar o Día Mundial da Asma, é unha xornada de Portas Abertas organizada polo servizo de Alergoloxía no Hospital do Meixoeiro o próximo venres día 4. Instalarán Mesas informativas nas consultas externas do centro, e as persoas que queiran achegarse serán informados polos profesionais sanitarios sobre esta enfermidade, e terán a oportunidade de resolver as súas dúbidas e de realizar probas de función respiratoria.
Enfermidade crónica máis prevalente en nenos
A asma caracterízase pola inflamación crónica nos bronquios, que xeralmente cursa cun conxunto de síntomas como a falta de aire, a tose, ou a opresión por obstrución do fluxo do aire.
É a enfermidade crónica máis prevalente en nenos e nenas adolescentes, e unha das máis frecuentes en adultos. Afecta ata o 12% da poboación pediátrica e ao 5% dos adultos, producindo unha importante morbilidade e consumindo o 2% dos recursos da sanidade pública.
O Chuvi dispón dunha Unidade específica para Asma grave non controlada que a día de hoxe atende a 135 pacientes. Nesta unidade reciben un seguimento moi rigoroso que lles permite controlar mellor á enfermidade para evitar as doses excesivas de corticoides e as visitas continuadas ás urxencias.