A doutora Sánchez Santos coordinou un estudo multicéntrico, no que se analizaron os datos obtidos en 29 hospitais de España e Portugal. O traballou consistiu en analizar os devanditos datos para comprobar a idoneidade de empregar a gastrectomía vertical nas intervencións de cirurxía bariátrica.
Baixo o título “Factores predictivos de perda ponderal tras a gastrectomía vertical. Estudo multicéntrico hispano-portugués”, no traballo analizáronse datos de máis de 1.500 pacientes, que foron operados con cirurxía bariátrica nos mencionados hospitais.
Conclusións
A doutora Raquel Sánchez manifestou, despois de recibir o diploma que a acredita como autora da mellor publicación do pasado ano, que “no traballo que coordinei conclúese que a gastrectomía vertical ten moi bos resultados para o obxectivo que se persegue en determinados pacientes, e son aínda mellores en pacientes con menos de 50 anos de idade e cun índice de masa corporal entre 40 e 50”. O servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do CHUVI pechará o ano con 120 operacións cirúrxicas de obesidade das que o 20% realizaranse con esta técnica.
“A gastrectomia vertical é unha das alternativas terapéuticas que se poden ofrecer a determinados pacientes con obesidade mórbida, supoñendo un 20% das técnicas de cirurxía bariátrica que se realizan no Complexo Hospitalario e Universitario de Vigo. En pacientes con diabetes ou con obesidades máis graves é máis frecuente realizar outra técnica, o bypass gástrico, na que, ademais de reducir o tamaño do estómago, realízase unha exclusión dunha parte do intestino, conseguindo un efecto metabólico maior”, puntualiza a doutora Raquel Sánchez.
O procedemento
A gastrectomía vertical é unha operación deseñada para perder peso, en persoas con obesidade, que consiste en extirpar o 80% do estómago do paciente e conservar un tubo estreito na curvatura menor deste órgano.
Como resultado, diminúe o volume gástrico de forma moi significativa e o paciente nota saciedade con menos cantidade de comida. Ademais, ao extirparse a rexión alta e máis voluminosa do estómago, diminúe a secreción da substancia que estimula o apetito. Pero só está indicada en pacientes con unhas determinadas características e sen complicacións graves doutro tipo.