Dentro da estratexia para as Enfermidades Reumáticas e Muscoloesqueléticas presentáronse 13 candidaturas de varias comunidades autónomas, das que solo 5 delas obtiveron esta acreditación, sendo a EOXI de Vigo a única de Galicia en recibila.
A directora de Procesos sen Ingreso e Urxencias, Elena Lorenzo, xunto co responsable deste proxecto, o reumatólogo e coordinador do Grupo IRIDIS (Investigación en Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-Mediadas) do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), José Mª Pego, foron os encargados de recoller este diploma acreditativo nun acto que ven de se celebrado no Ministerio de Sanidad.
Esta distinción de Boa Practica Clínica facilita a súa replicación noutros centros do SNS e incorpora un valioso enfoque innovador que mellora a calidade asistencial a todos os niveis, sendo un elemento esencial no camiño cara á excelencia, destaca o texto.
A e-interconsulta ou consulta telemática implantada na EOXI de Vigo entre o servizo de Reumatoloxía, situado no Hospital do Meixoeiro e Atención primaria, permite ao médico de Familia enviar telemáticamente ao reumatólogo, para a súa valoración, os datos do paciente, a súa historia clínica e as probas realizadas ata o momento. Será o reumatólogo quen decida a necesidade de novas probas complementarias ou a necesidade de que o paciente sexa derivado a súa consulta.
A novidade é que non se trata dun proxecto a realizar senón dun sistema que leva tempo en funcionamento e que conta con resultados concretos. A colaboración entre o servizo de Reumatoloxía do CHUVI e os centros de saúde da área viguesa permitiu que, mediante protocolos consensuados, as derivacións de pacientes que se realizan desde a consulta do médico de Familia ao servizo de Reumatoloxía se fagan mediante este procedemento.
Dacordo cos resultados experimentados desde a implantación da teleconsulta, rexístranse importantes vantaxes tanto desde o punto de vista organizativo e asistencial como para o propio paciente.
En primeiro lugar, increméntase a capacidade de resolución non presencial polo especialista de Reumatoloxía dunha porcentaxe de casos (fundamentalmente, no ámbito da osteoporose) sen necesidade de desprazamento do paciente, baseada na correcta información clínica e diagnóstica achegada polo facultativo de Atención primaria.
En segundo lugar, prodúcese unha mellora na resolución das primeiras consultas presenciais en Reumatoloxía, xa que este proceso asistencial permite que os pacientes xa teñan realizadas previamente as probas diagnósticas pertinentes para cada caso no momento da valoración presencial polo especialista en Reumatoloxía.
Ademais, con esta modalidade constatouse unha melloría evidente na priorización da atención reumatolóxica especializada, conseguindo tempos de espera mínimos para a atención daqueles pacientes prioritarios como poden ser os que padecen artrites/espondiloartrite de inicio ou as enfermidades reumatolóxicas autoinmunes sistémicas (lupus eritematoso, esclerodermia, ou vasculite, entre outras).
“En conclusión, esta modalidade permite mellorar a capacidade de resolución do caso, dun xeito áxil e evitando os desprazamentos innecesarios dos pacientes ao hospital, ao tempo que mellora a súa accesibilidade ás consultas especializadas de reumatoloxía cando é necesario; en consecuencia, incrementa a calidade asistencial dos nosos servizos, tal e como así o ten recoñecido o Sistema Nacional de Salud ao outorgarnos esta distinción”-explica o doutor Pego.