No traballo participan os servizos de Reumatoloxía e de Farmacia Hospitalaria da EOXI de Vigo, en colaboración con Medicina Preventiva e Infraestruturas TIC. “Trátase de avaliar o interese das redes sociais, en particular de Twitter, como fonte de coñecemento das preocupacións dos pacientes con artrites psoriásica. Por unha banda, levaremos a cabo unha análise da rede social Twitter coa finalidade de coñecer cales son os termos relacionados con esta patoloxía ou cos seus tratamentos que se repiten máis na devandita rede. Por outra banda, os pacientes con artrites psoriásica cumprimentarán uns cuestionarios específicos sobre a súa doenza, cuxas respostas analizaremos con detalle. Finalmente, compararemos a información da análise de Twitter con aquela que consigamos dos cuestionarios”, explica o doutor José María Pego Reigosa, do Servizo de Reumatoloxía do Chuvi.
A idea xurdiu como consecuencia da relación con investigadores que desenvolveron traballos similares no campo da Oceanografía, “e pareceunos de interese e utilidade no ámbito da saúde”, engade Pego Reigosa.
O proxecto pretende demostrar a utilidade que pode ter a análise de Twitter á hora de coñecer cales son as inquietudes que expresan os pacientes con artrites psoriásica, de maneira inmediata, a gran escala e a baixo custo. Esta información pode orientar aos profesionais sanitarios sobre as deficiencias ou puntos débiles no proceso de atención de pacientes con artrites psoriásica, e así establecer estratexias de potenciación e de mellora dirixidas aos pacientes, o que debe repercutir nunha maior calidade na atención destes pacientes.
A análise que se realiza agora sobre a artrite psoriásica poderíase aplicar a calquera outra patoloxía crónica. “De feito, xa levamos a cabo algún estudo parecido en patoloxías como a artrite reumatoide e a espondiolitis anquilosante, e estamos interesados en facelo noutras patoloxías reumatolóxicas autoinmunes sistémicas como o lupus eritematoso sistémico”, argumenta o doutor Pego.
Amplo equipo
Os investigadores principais do proxecto son a doutora Guadalupe Piñeiro, xefa do Servizo de Farmacia Hospitalaria, e o doutor Pego Reigosa, de Reumatoloxía. A coordinadora do proxecto é a doutora Noemí Martínez López de Castro, de Farmacia Hospitalaria. É un proxecto multidisciplinar en que, ademais dos Servizos de Farmacia (doutoras Samartín Ucha, Martín Vila e Álvarez Payero) e Reumatoloxía (doutor Maceiras), están implicados o de Medicina Preventiva (doutor Víctor del Campo) e o de Infraestruturas TIC (Miguel Pérez González). Tamén se contou coa colaboración dos pacientes a través da súa principal asociación na provincia de Pontevedra. A maioría dos investigadores do proxecto forman parte do Grupo IRIDIS (Grupo de Investigación en Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-Mediadas) do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).
Ademais, a iniciativa conta co apoio da Xerencia da EOXI de Vigo, da Sociedade Española de Reumatoloxía e da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria.
O galardón entregarase a principios do ano 2017 e correrá a cargo dos responsables da cátedra “A medicina innovadora: a súa auténtica dimensión”, da Universidade de Alcalá de Henares.
A artrite psoriásica desenvólvese en pacientes que padecen psoríase e ten unha prevalencia de entre o 0,05 e o 0,3 por cento da poboación. Unhas porcentaxes que , trasladados ao área sanitaria de Vigo, poderían significar que na zona da EOXI viguesa habería máis dun milleiro de persoas afectadas.