A razón esgrimida pola dirección de Povisa é que os empregados vigueses cobran máis que o persoal doutros hospitais privados, situación que ao seu xuízo «non se pode manter». A voceira da CIG, María Xesús Neira, rexeitou este argumento e anunciou que se oporán a calquera intento da empresa de rebaixar os soldos.
Os plans da compañía fóronlle trasladados ao comité este venres no transcurso da xuntanza mantida coa xerente e co director xeral para abordar o recente acordo entre Povisa e o Sergas, que segundo a empresa permitirá retirar o preconcurso de acredores anunciado recentemente. «Aseguraron que é necesario realizar axustes, xa que na súa opinión os traballadores temos moitos días libres por convenio», indicou Neira.
Neste senso, denunciou que o cadro de persoal vai quedar fóra deste acordo, xa que a súa situación laboral non só non vai mellorar senón que vai empeorar. «Van ter o seu concerto, que non vai ser tan malo e que lles vai permitir obter beneficios, mentres nós imos estar máis precarizados». Ao mesmo tempo, amosou a súa preocupación pola posibilidade de que finalmente se poidan producir despedimentos, xa que «ninguén nos asegura o contrario».
Na reunión vivíronse momentos de tensión cando a representante da CIG asegurou non crer as afirmacións do director xeral de Povisa no sentido de que o acordo co Sergas se asinou no último momento, e que até dous días antes a intención da empresa era presentar un concurso de acredores. Ademais, Neira quixo deixar claro que a central non vai negociar ningún acordo laboral á baixa nin vai renunciar aos días festivos que establece o actual convenio. Despois disto o director xeral amosou o seu enfado e abandonou a xuntanza.