Este luns, os profesionais do servizo de radioloxía da EOXI de Vigo fixeron pública unha nota onde poñen en valor a importancia da integración e das melloras que produce para conseguir «unha redución no tempo do proceso diagnóstico e un mellor manexo da patoloxía dos nosos pacientes».
Segundo a CIG, o plan de integración funcional acordado no ano 2016 está a ter moitas dificultades para levarse adiante, pese á importante implicación dos profesionais do servizo de radioloxía e do esforzo realizado pola Xerencia da EOXI de Vigo.
O sindicato asegura que «co paso do tempo temos constatado que nin sequera esta limitada integración funcional está a ser realizada». Os traballadores, pola súa banda, sinalaron na nota que «desexamos que estes primeiros pasos conduzan a unha integración real e completa dos profesionais de Galaria, feito que ata agora non sucedeu, porque os profesionais de Galaria non se integraron no Servizo de Radiodiagnóstico da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo. Estamos convencidos de que o traballo en equipo, co paciente como obxectivo, e non coa técnica como obxectivo, resultará motivador e satisfactorio para os profesionais de ambas partes, porque o único interese que nos move a todos é o interese do paciente».
CIG-Saúde esixe a «completa integración» de todos os servizos sanitarios xestionados por Galaria (medicina nuclear, radioterapia, ciclotrón e RM) na EOXI de Vigo, «máxime cando o propio xerente do Sergas ten recoñecido que os equipamentos que utiliza Galaria son propiedade do Sergas e as probas diagnosticas quen as fai é persoal estatutario».
O sindicato considera que «para que esta integración sexa posible a Administración Sanitaria ten que recuperar a súa aposta do 2015, cando defendía a importancia da integración funcional e orgánica baixo a mesma estrutura que o resto dos servizos cos cales manteñen unha interdependencia para a perfecta atención integral das e dos doentes. E tamén é necesario respectar os dereitos do conxunto das e dos profesionais, tanto de Galaria como da EOXI de Vigo, pero os intereses derivados da actual estrutura organizativa e laboral de GALARIA non pode antepoñerse aos intereses das e dos doentes atendidos na nosa área sanitaria».