O xerente, que xa visitara o edificio sanitario no pasado mes de agosto, informou de que “ante a paralización do proxecto do Concello de Vigo de desenvolver o Polígono da Seara, onde o Sergas tiña planificada a construción dun novo centro de saúde desde hai máis dunha década, estamos xa estudando outras alternativas polo entorno, porque urxe dispoñer dun novo centro que substitúa a López Mora”.
Na planificación do Sergas, esta busca resulta “prioritaria” xa que o edificio actual, pese a que se teñen feito nel actuacións puntuais -nos últimos días pintouse-, “non reúne as condicións estruturais axeitadas e presenta unha evidente limitación espacial que condiciona o seu crecemento e desenvolvemento”. Para a Consellería, o local que alberga o centro de saúde resulta pequeno e obsoleto para o servizo sanitario.
Este ambulatorio atende a unha poboación de 14.780 pacientes (12.828 adultos e 1952 nenos). Conta cun equipo de facultativos composto por nove médicos de familia e dous pediatras. A ratio de TIS por médico de familia é de 1425 TIS, superando lixeiramente a media da área viguesa, establecida en 1330 TIS por facultativo.
“Dispoñer en Vigo dun novo centro sanitario permitiría, ademais de incrementar os recursos humanos dese centro, completar a carteira de servizos con fisioterapia, odontoloxía, matrona, traballo social ou farmacia, e incluso asumir pacientes doutros servizos de atención primaria con maior sobrecarga”, expón o Sergas.
Resposta do Concello de Vigo
O Concello de Vigo reaccionou ante estas afirmacións. A administración local urxiu á Xunta de Galicia a presentar un proxecto para o centro. Se é así, conseguirá os terreos necesarios “de inmediato”. “Que nos presenten un proxecto que se adapte ás necesidades sanitarias da cidadanía de Vigo, con posibilidade de tramitación a través da 3/2016 -Lei Vigo-, e o Concello comprométese a expropiar os terreos de forma inmediata e a poñelos a disposición da Xunta de Galicia”, explicou o consistorio vigués a través dun comunicado.
O Concello lembrou que o ámbito da Seara decaeu coa anulación do PXOM de 2008 e que este e outros ámbitos non se puideron desenvolver porque “a administración autonómica negou ‘a vía Parejo’ proposta” por Vigo.