O Servizo Galego de Sáude informa este lunes de que, tal e como xa o adiantara o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o pasado 30 de xuño nun encontro cos profesionais no Álvaro Cunqueiro, trátase dun «proxecto participativo no que se crearán diferentes comisións de traballo que deberán definir o papel, as características e as liñas de acción a nivel asistencial, docente e de investigación desta área sanitaria no seu conxunto». Ademáis, engade que incorporaranse neste proceso a voz dos pacientes e das súas asociacións.
Rubial explicou que “aínda que no momento actual estase dando resposta axeitada ás necesidades sanitarias da poboación, a magnífica estrutura da que dispoñemos permítenos sen máis ambiciosos e aspirar á excelencia na calidade global da asistencia, polo que é agora cando este proceso de reflexión colectiva se fai imprescindible”.
“Cómpre lembrar -continuou- que o último Plan Estratéxico databa do 2006 e circunscribíase exclusivamente ao ámbito hospitalario, o que xa non se corresponde coa realidade actual. Temos unha organización nova, resultante dunha reordenación que integra atención primaria e hospitalaria, polo que é necesario redefinir as liñas estratéxicas da área de cara a consolidar o seu papel presente e futuro”-.
«Xurde así a Estratexia XXI, a Estratexia da EOXI para os vindeiros 5 anos», apunta o Sergas. Este proceso, directamente vinculado á Estratexia Sergas 2020, deberá realizarse nun tempo máximo de cinco meses.
Integración Atención Primaria – Atención Hospitalaria
«A actual estrutura organizativa, conxuntamente con outros elementos imperantes no momento presente, como son o avellentamento poboacional, a alta prevaleza de enfermidades crónicas, a historia clínica electrónica única e compartida, a dispoñibilidade de dispositivos que permiten o seguimento remoto de diferentes patoloxías, a concorrencia simultánea de necesidades sociais e sanitarias ás que hai que dar unha resposta global, ou o cada vez maior nivel de esixencia social sobre a calidade dos servizos sanitarios, entre outros, son elementos esenciais aos que cómpre dar resposta axeitada», informa o Sergas.
Nese sentido, “a integración entre os recursos, a definición de obxectivos, programas e estratexias comúns para a atención primaria e a atención hospitalaria, constitúe un eixo esencial no que deberá centrarse a Estratexia XXI”.
Etapas da elaboración do Plan Estratéxico
No seu desenvolvemento poden diferenciarse catro etapas: na primeira, de Análise baseada en datos e feitos, analizarase o modo no que se está realizando a asistencia no momento actual, os resultados desa prestación asistencial, a demanda existente, as dificultades e desaxustes que atopan os profesionais para afrontala, e as novas prácticas que poderían ser incorporadas a esta práctica.
A segunda etapa consistirá na Definición do Plan, “cómo imos satisfacer desde a EOXI as necesidades sanitarias da nosa poboación a curto, medio e longo prazo”.
A terceira será a de Comunicación a todos os colectivos e as diferentes categorías profesionais, para que todos coñezan de primeira man a nova folla de ruta, a estratexia, os valores e os plans de actuación da organización na que traballan. A última fase será a de Despregue do Plan.
Participación on line
Todos os profesionais están invitados a participar neste proxecto, e poderán facelo a través dos seus representantes nas comisións de traballo, ou directamente, nos diversos foros de debate e xuntanzas que se van organizar.
Ademais, facilitaráselles a participación non presencial, “on line”. Así, vaise habilitar un espazo web para que o persoal teña acceso a toda a información que se vaia xerando e poda coñecer a evolución deste proceso. Tamén porase a súa disposición un correo electrónico para que poidan realizar as súas achegas.
Un comité de elaboración do Plan, constituído por un máximo de 20 profesionais, será o encargado da redacción última deste documento.