Así se despacha o Sergas nun comunicado sobre o problema da recollida de roupa no Hospital Álvaro Cunqueiro. «Ao longo desta mañá, o depósito da roupa sucia nos puntos habilitados realizouse con normalidade en Unidades como Reanimación, Neonatos, Hospital de Día, Urxencias, Hemodinámica, Electrofisioloxía Cardíaca e Radioloxía e en boa parte da área de consultas externas. No resto de unidades asistenciais, e especialmente na hospitalización, realizouse unha recollida parcial por parte dos/das TCAE», asegura a Xunta.
A nota de presa enviada desde o Sergas apunta que «a Dirección ten á responsabilidade de garantir as condicións hixiénico sanitairas e a seguridade dos pacientes polo que seguirá adoptando as medidas necesarias para tal finalidade. Neste senso, deuse traslado á Inspección de Servizos Sanitarios das incidencias e incumprimentos dunha trintena de TCAEs que non acataron as ordes por escrito remitidas pola Dirección nas unidades de pacientes críticos (Oncoloxía Infantil, Hematoloxía-Transplante, Unidade de Coidados Intensivos ou Quirófanos)».
Ao longo dos vindeiros días, e mentres non se resolva a situación, «a Dirección garantirá a recollida da roupa mediante a contratación de todo o persoal TCAE que sexa necesario. Para a quenda desta noite contratáronse 4 TCAE para garantir a recollida de todas aquelas bolsas de roupa que non teñan sido recollidas polas persoas designadas a tal fin».
Sobre a negativa a realizar a actividade encomendada por parte da Dirección ás TCAEs, o Sergas sinala que «cómpre lembrar a existencia de sentencias xudiciais que avalan que depositar a roupa sucia nos puntos habilitados constitúe unha competencia nítidamente complementaria das obrigas estatutarias de «facer as camas» ou «realizar o aseo e limpeza dos enfermos», e que recoñecen a responsabilidade da Dirección para atribuirlles estas funcións».