“Trátase dunha técnica endovascular de patoloxía arterial isquémica en membros inferiores”, explica o xefe do servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular do Chuvi, José Manuel Encisa de Sá, que aclara “basicamente pódese dicir que esta técnica permitirá intervir a pacientes que teñan as arterias dos seus membros inferiores totalmente obstruídas para que poidan mellorar a súa circulación”.
De acordo cos datos que obran en poder do servizo, do emprego desta nova técnica poderanse beneficiar uns 50 pacientes ao ano. “É algo novo e queremos implantalo na nosa carteira de servizos”, indica o doutor Encisa de Sá.
De feito, o servizo de Cirurxía Vascular do Chuvi iniciou uns cursos para dar a coñecer a técnica a especialistas dos hospitais do Servizo Galego de Saúde. Un curso no que interviñeron o propio doutor Encisa de Sá e o doutor Mariano Palena, especialista no Policlínico Abano Terme, da localidade italiana de Padua.
Curso
O curso estendeuse ao longo do martes e o mércores. Na primeira xornada practicáronse tres intervencións a outros tantos pacientes e nas mesmas participaron os membros do persoal do servizo do Chuvi así como o doutor Palena.
Na segunda xornada leváronse a cabo outras tres intervencións ás que estiveron convidados especialistas dos hospitais do Sergas.
O doutor Encisa de Sá insistiu en que “as prestacións tecnolóxicas do quirófano híbrido do que dispón o Álvaro Cunqueiro permiten realizar esta técnica de forma mais precisa e con mellores resultados”.
O quirófano híbrido construído no hospital Álvaro Cunqueiro comezou a funcionar no pasado mes de outubro. Desde a súa apertura e ata o pasado 15 de xuño realizáronse 507 intervencións cirúrxicas.