O paro promovido pola CIG, CCOO e UGT tivo un elevado seguimento, segundo os sindicatos, que explican que é moi difícil de cuantificar o impacto real da folga “tendo en conta que a patronal negouse en todo momento a facilitar datos dos número de empregados do sector”.
Con todo, poñen como exemplo o que sucedeu en Fátima, un dos hospitais máis importantes do sector, “onde o paro impediu o funcionamento normal do centro, con falta de actividade nos quirófanos e nas consultas externas”. De feito, moitos dos seus empregados sumáronse á concentración que se celebrou de 11:00 a 11:30 horas ás portas do edificio.
Segundo anunciaron dende as centrais, o vindeiro luns terá lugar unha asemblea de traballadores para analizar o impacto da folga e decidir novas mobilizacións a desenvolver coincidindo cos próximos paros convocados os días 14, 21, 26 e 27 de marzo.