O obxecto desta actuación é dar resposta ao incremento de actividade experimentado nos últimos tempos. Unha vez transcorridos dous anos da posta en funcionamento do Álvaro Cunqueiro, tense constatado un notable incremento da actividade a nivel xeral, e en particular no servizo de Cirurxía e Hematoloxía.
Por isto, faise necesaria -tal e como solicita o propio servizo de Hematoloxía- unha reordenación dos actuais espazos, así como a dotación de novas infraestruturas para atender a esta demanda crecente e mellorar a eficiencia na prestación de servizos, e na calidade percibida por parte dos pacientes.
Así, ademais destes novas dispositivos, o propio Banco disporá duns espazos máis amplos que melloran a súa funcionalidade e os circuítos, e posibilitarán a implantación de novo equipamento tecnolóxico como unha campá de fluxo laminar.
Beneficios para os pacientes
A aférese é un procedemento polo que se extrae a sangue total dun paciente ou doador e sepárase en diferentes compoñentes segundo o seu tamaño, densidade e peso mediante a forza centrífuga dunha máquina ou separador celular, co obxecto de adquirir o compoñente desexado (hematíes, plasma, leucocitos,…).
Nos últimos anos estase asistindo a un notable incremento das indicacións desta técnica por parte doutros servizos distintos da propia hematoloxía. O pasado ano realizáronse no Chuvi un total de 244 procesos, o que supón un incremento dun 22% con respecto o ano anterior.
A día de hoxe os pacientes que deben someterse a estes procedementos de aféreses, son ingresados no hospital. O pasado ano foron 80 pacientes. A nova Unidade permitirá a realización destes procesos de xeito ambulatorio, sen ingreso hospitalario na maior parte dos casos. Para isto contará con 3 postos -2 camas e 1 sofá reclinable- con monitorización de constantes vitais cada un deles.