Un curso que se iniciou en setembro e no que os alumnos recibiron formación, teórica e sobre todo práctica, en sete materias: Clínica Médica, Clínica Cirúrxica, Clínica Obstétrica e Xinecolóxica, Clínica Pediátrica, Clínica Psiquiátrica, Medicina Familiar e Comunitaria, Urxencias e Servizos Centrais.
Durante este ano académico impartiron docencia 24 profesores asociados e 505 colaboradores docentes. Un número que supón que no Chuvi haxa seis facultativos por cada alumno ou alumna, o que supón o maior volume de profesorado e colaboradores docentes que hai en Galicia.
O xerente da Estructura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Rubial, que presidiu o acto xunto co doutor Fernández Lorenzo, coordinador de Docencia de Grao, e a directora de Procesos Asistenciais, a doutora Mar Vázquez, destacou este dato “porque a docencia é un elemento esencial da nosa idiosincrasia e da nosa forza, o mesmo que aplicamos tamén á investigación e que permítenos mellorar día a día naquelo que nos ten encomendado a sociedade por enriba de todo: ser garantes da saúde da poboación”. De feito, a actividade docente e investigadora figura como unha das liñas xerais do Plan Estratéxico que xa se aplica na área sanitaria viguesa.
O xerente da EOXI de Vigo tivo tamén palabras de agradecemento para o colectivo de colaboradores docentes e de profesores asociados, “polo esforzo e o compromiso coa formación dos futuros médicos”. E resaltou que se resolveron 9 novas prazas de profesores e están pendentes de resolver outras dúas máis, “para fortalecer a estrutura docente da nosa organización”.
Especialidades
Un dos elementos de futuro que se abre agora aos novos graduados é a decisión sobre a especialidade que escollerán, unha vez superada a exame de MIR. Nese sentido, Rubial animou aos agora graduados a que escollan os hospitais ou centros de saúde da EOXI de Vigo para completar a súa formación como especialistas.
Nesa mesma liña enmarcouse o relatorio que, durante o acto, levaron a cabo a doutora María Teresa Pérez, especialista en Medicina Interna, e o doutor Pablo Sanromán, residente de último ano en Neurocirugía. “Agora tócache decidir” foi o título co que ambos os dous profesionais animaron aos recentemente graduados a escoller, e a facelo ben, o seu futuro profesional como especialistas.