Son oito os médicos residentes que participan no curso, que pertencen a hospitais de Xixón, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Asistirán a seis operacións cirúrxicas de obesidade mórbida, tres hoxe e outras tres mañá, ademais dunha sesión teórica na que, xunto cos cirurxiáns do Álvaro Cunqueiro, estarán anestesistas e nutricionistas.
A doutora Isabel Otero, xefa da Unidade Esófago-Gástrico-Bariátrica, coordina os cursos, nos que tamén participan como profesores os cirurxiáns Ignacio Maruri, Hermelinda Pardellas, Patricia Jove e Vincenzo Vigorita. Por parte do Servizo Anestesia intervén no curso o doutor Luís Luna e como nutricionista, María Jesús Garrido.
As intervencións realízanse en dous quirófanos do Álvaro Cunqueiro e céntranse en cirurxía restritiva (Sleeve Gástrico), cirurxía mixta (By-pass Gástrico e diversas anastomosis) e cirurxía de revisión.
Ao comezo da sesión de mañá e antes de entrar en quirófano, os alumnos participarán nunha revisión da evolución dos pacientes operados durante a xornada de hoxe. A doutora Isabel Otero afirma que “a cirurxía bariátrica é complexa e require, por tanto, coñecementos moi específicos para practicala, por iso os residentes que participan como alumnos deben ter unha formación previa sobre determinadas técnicas”.
Prevalencia considerable
“A Obesidade Mórbida é unha enfermidade que ten unha prevalencia considerable, xa que se estima que entre 1,5 e 2 por cento da poboación padécea en Galicia, e que carrexa un bo número de enfermidades asociadas”, explica Isabel Otero, que recalca: “Nestes momentos a cirurxía é a única alternativa que serve para o tratamento desta enfermidade e, como consecuencia, das que leva asociadas”.
Co obxectivo de axuntar esforzos e unificar protocolos, o pasado vernes se levou a cabo en Santiago de Compostela o primeiro Symposio do Grupo Galego de Tratamento da Obesidade Grave (GGTOG), do que forman parte cirurxiáns, endocrinólogos, psiquiatras e psicólogos.
Os retos para o tratamento deste tipo de obesidade así como as novas técnicas cirúrxicas para abordar a Obesidade Mórbida centraron os traballos na reunión, na que quedou de manifesto que Galicia é unha das cinco comunidades autónomas españolas onde existe un maior número de casos.