A distinción produciuse durante o Congreso Nacional de Arritmias celebrado en Sevilla, no que participaron preto dun milleiro de especialistas de toda España. Destacouse, sobre todo, o interese do caso así como a técnica empregada polo equipo que realizou a intervención, que require unha gran precisión.
Durante o congreso expúxose o procedemento realizado así como o historial e a evolución posterior do paciente. A Síndrome de Brugada é unha alteración xenética que afecta ao corazón de pacientes novos e que se presenta como tal en contadas ocasións.
“É unha enfermidade na que as arritmias malignas recorrentes non son moi frecuentes, polo que son moi poucas as intervencións que na actualidade se realizan non só en España senón en toda Europa”, afirma a doutora Pilar Cabanas, que fixo a intervención.
Enfermidade hereditaria
A Síndrome de Brugada é unha enfermidade xenética hereditaria que pode provocar unha serie de arritmias severas en quen a padece. Normalmente non presenta síntomas concretos e só é detectable mediante electrocardiograma. Debe o seu nome aos irmáns Brugada, cardiólogos, que foron os que detectaron esta patoloxía.
Un dos tratamentos é a implantación dun cardiodesfibrilador automático no paciente que actúa cada vez que hai un episodio. Pero hai casos nos que non é suficiente para a vida normal do paciente, debido a que o desfibrilador debe actuar en demasiadas ocasións.
A ablación é unha alternativa a esta situación. Realízase mediante un catéter para traballar dentro do corazón, mediante queimaduras con radiofrecuencia ou, as veces, con frío (crioablación). En moitos tipos de arritmias é preciso para á ablación obter imaxes en tres dimensións mediante o uso dun navegador.
“Esta actuación debe facerse cunha gran precisión. E só é posible facelo nun centro hospitalario que dispoña dunha tecnoloxía moi avanzada, como é o caso do Hospital Álvaro Cunqueiro”, explica o doutor Enrique García, xefe da Unidade de Arritmias e Electrofisioloxía.
Un paciente de 30 anos
O caso que se tratou no Hospital Álvaro Cunqueiro foi o dun mozo de 30 anos que sufriu unha parada cardiorespiratoria no seu domicilio, que se recuperou mediante manobras de RCP, e implantóuselle un desfibrilador automático. Posteriormente sufriu varios episodios de fibrilación ventricular que foron tratados automaticamente polo dispositivo.
Esta circunstancia fixo que o equipo de Arritmias do CHUVI decidise a levar a cabo a ablación. E para iso, ademais do navegador e da sofisticada tecnoloxía, contou coa presenza durante a intervención d doutor Josep Brugada, un dos cardiólogos que deu nome á síndrome.
Os datos actuais do paciente indican que, desde a intervención, non tivo máis eventos adversos. De aí o recoñecemento dos participantes no Congreso nacional de Arritmias ao equipo da unidade do CHUVI.