Amador, que compaxinaba esta coordinación coa do servizo de Urxencias, deixa esta última para centrarse en HADO. Nas Urxencias será substituído polo médico deste servizo Ángel Pichel Loureiro. Ademais, a dirección da área vén de crear a xefatura da Unidade de Urxencias, que será ocupada pola doutora Maite Maza Vera.
Luis Amador, especialista en Medicina Interna, leva toda a súa traxectoria profesional vinculada ás urxencias hospitalarias. Puxo en marcha o servizo de Urxencias do Meixoeiro, sendo o seu coordinador durante 25 anos. Posteriormente, liderou tamén o inicio deste servizo no Álvaro Cunqueiro, e foi o artífice da unificación das urxencias hospitalarias do Xeral e do Meixoeiro no novo hospital vigués.
No seu currículo cabe subliñar tamén a Coordinación de Transplantes do Hospital do Meixoeiro desde o ano 93 ao 2015. Ademais, é titor clínico pola Universidade de Santiago na especialidade de Urxencias.
Coordinador e xefa de Unidade
O novo coordinador do servizo de Urxencias, Ángel Pichel, é especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, aínda que desenvolveu toda a súa traxectoria profesional nas Urxencias hospitalarias do Meixoeiro e, posteriormente, do Cunqueiro.
A xefatura de Unidade será asumida pola médico de Urxencias, Maite Maza. Ten un perfil similar ao do novo coordinador, tanto por formación -tamén especialista en Medicina Familiar e Comunitaria- , como por actividade profesional, xa que sempre estivo vinculada ás urxencias hospitalarias.
Os dous novos responsables das urxencias son “profundos coñecedores das características deste ámbito asistencial na área de Vigo, xa que traballaron nas Urxencias dos hospitais vigueses, e no Álvaro Cunqueiro desde os seus inicios”, indica a EOXI.
Tamén se caracterizan polo desenvolvemento da súa actividade docente, Ángel Pichel como titor de residentes e Maite Maza como colaboradora docente da Facultade de Medicina; así como pola súa participación na publicación de distintos artigos médicos e en varios proxectos de investigación.
“A creación da xefatura de Unidade das Urxencias, tal e como viñan demandando os profesionais, vai facilitar a xestión do servizo sanitario máis grande e complexo dadas as súas dimensións, tanto estruturais como de recursos humanos ou de actividade”, sostén o Sergas.
Persoal
A atención ás urxencias de adultos dispón de 315 profesionais. Por categorías, o servizo conta cun coordinador e unha supervisora de Enfermaría, 56 médicos, 91 enfermeiras, 59 TCAE, 89 celadores, e 20 auxiliares administrativos. Hai que engadir tamén os 75 médicos especialistas que o Chuvi dispón para atención en gardas.
O pasado ano un total de 181.106 pacientes recibiron atención urxente no Álvaro Cunqueiro, dos que 129.626 foron adultos, 41.037 menores de 15 anos, e 10.443 obstétricas. Do total das urxencias atendidas, un 15,02% requiriron ingreso hospitalario.