O salón de actos do hospital Álvaro Cunqueiro serviu de escenario para a recepción oficial deste curso académico 2019-20 nun evento que estivo presidido polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, e polo coordinador de Docencia de Grao, José Ramón Fernández Lorenzo.
En xeral, hai un millar de alumnos e alumnas que están cursando estudos de distintas disciplinas nos centros sanitarios. Con esta nova promoción de Medicina que agora se incorpora se consolida a capacidade docente da sanidade pública viguesa.
Para facilitar a integración ponse a disposición dos alumnos unha Guía de Acollida na que ademais de información sobre a organización e datos prácticos sobre o seu curso, este ano se incluíu un decálogo do alumno en prácticas. Cabe subliñar que, na liña de humanización que marca o Plan Estratéxico da Área Sanitaria de Vigo, o primeiro punto reza: “Ofrecer ao paciente un trato humano e procurar o seu benestar”. De aí a importancia do devandito decálogo.
25 profesores asociados e 549 colaboradores
Os alumnos de Medicina realizan o seu último ano nun hospital, cun curso práctico no que se lles imparte un programa docente baseado na rotación por diferentes especialidades médicas e cirúrxicas. En total, traballan sete materias: clínica médica, clínica cirúrxica, urxencias e servizos centrais, clínica obstétrica e xinecolóxica, clínica pediátrica, clínica psiquiátrica e medicina familiar e comunitaria. Durante este período lectivo, os alumnos fan un horario de 8.00 á 15.00 horas e tamén realizan gardas.
A docencia deste curso será impartida por 25 profesores asociados e 549 colaboradores docentes do Chuvi. A aposta pola función docente tamén está incluída nas liñas xerais do Plan Estratéxico da Área Sanitaria.