O pediatra que ocupará a praza en Coruxo a partir do día 22 farao nas mesmas condicións que había con anterioridade, antes do verán. A consulta tamén estará dotada con enfermaría.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, comunicoullo persoalmente aos representantes da asociación de veciños da parroquia nunha xuntanza mantida este xoves. Á mesma asistiron, ademais, o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial; a directora de Procesos sen Ingreso e Urxencias, Elena Lorenzo; a subdirectora desa área, Reyes Díaz; e a portavoz municipal do PP no Concello de Vigo, Elena Muñoz.
“Con esta decisión, o Sergas dá cumprimento así o compromiso do titular de Sanidade e da Xerencia da EOXI de Vigo de dotar á parroquia de Coruxo dun pediatra no prazo máis breve posible, unha vez transcorridos os meses de verán”, indica o Servizo Galego de Saúde nun comunicado.
A falta dun pediatra neste centro de saúde, que dá cobertura ás parroquias de San Andrés de Comesaña, San Miguel de Oia e Saiáns, fora obxecto de polémica polas protestas das familias dos pacientes, que tiñan que desprazarse a Navia para ser atendidos. Incluso durante un periodo de tempo tiveron que acudir a Lavadores.