Este mércores foi asinado un acordo de colaboración polo xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e a presidenta da AECC en Pontevedra, Josefa Crespo, que regula a realización da actividade do seu voluntariado a través deste programa cos pacientes do Hospital de Dia, coa fin de conseguir unha maior calidade de vida para os enfermos de cancro e as súas familias. Neste acto tamén participaron o xefe do servizo de Oncoloxía, Joaquín Casal e a de Hematoloxía, Carmen Albo.
Esta iniciativa será desenvolvida polos voluntarios do ‘Carriño Don Amable’ baixo a supervisión do persoal de enfermaría do hospital. A principal función é o acompañamento ao paciente e á súa familia sempre e cando non exista impedimento por parte dos afectados ou do persoal sanitario responsable.
O carriño levará bebidas e alimentos -previamente autorizados polos responsables sanitarios da unidade-, revistas, periódicos e información sobre a AECC, que se lles repartirá a aqueles pacientes e familiares que o desexen.
Este programa realizarase de luns a venres, en quenda de mañá, e nas tardes dos mércores. Así, vén a sumarse á iniciativa posta en marcha polo persoal de enfermaría hai seis meses, a creación dunha Biblioteca Solidaria para os usuarios que acoden a esa unidade. Esta proposta tivo gran éxito e ao pouco tempo da súa posta en marcha incrementáronse os fondos de tal xeito que foi necesario colocar novos andeis.
Con esta nova medida, a EOXI de Vigo dá un paso máis no proceso de humanización que está levando a cabo, no marco da primeira liña do Plan Estratéxico, que baixo o lema ‘O paciente é o primeiro’, trata de humanizar os seus coidados en todo o proceso asistencial.
Benestar físico e psíquico
A enfermidade do cancro require de constantes coidados de longa duración en moitos casos. O impacto psicolóxico que supón esta situación para a familia e o deterioro físico do paciente pon de manifesto a aparición de problemáticas sociais, que agravan as xa existentes e produce un desaxuste na convivencia familiar.
Neste contexto, os voluntarios se ofrecerán para realizar suplencias do coidador principal para o seu descanso físico e emocional se así o requiren. Ademais, se lles brindará apoio emocional para facilitarlles a expresión de emocións asociadas co diagnóstico e o proceso da enfermidade e do seu tratamento.
121 pacientes no Hospital de Día
O Hospital de Día é o dispositivo asistencial multidisciplinar que presta atención ambulatoria a aqueles pacientes de distintos servizos clínicos, fundamentalmente oncolóxicos e hematolóxicos, que requiren de seguimento e tratamento, e que polas súas características non necesitan ingreso hospitalario. Neste dispositivo aténdese a unha media diaria de 121 pacientes, que acoden unhas horas ao Hospital a recibir o seu tratamento farmacolóxico.
As dependencias sanitarias do Hospital de Dia no Álvaro Cunqueiro conta con 60 postos (54 postos e seis camas).