Segundo anuncia o centro médico, o sistema de uso é moi sinxelo e pretende facilitar a tarefa, moitas veces complicada, de que tanto o bebé como a súa nai poidan ser recollidos nunha zona o máis próxima posible aos ascensores, e que ambos teñan as menores molestias.
Os proxenitores, unha vez recibida o alta da nai e do bebé, baixan ata o aparcadoiro polos ascensores máis próximos á planta de Obstetricia. Xa no estacionamento, atópanse con cadeiras e unha mesa para apoiar as súas pertenzas e que a nai poida esperar comodamente a que o seu acompañante vaia a buscar o vehículo onde o teña estacionado.
O vehículo estacionarase na zona especial habilitada para o efecto e rotulada con rechamantes cores. A praza, cuxas dimensións son o dobre das normais (4,77 metros de ancho por 4,63 de longo), permite realizar o traslado de forma cómoda e sen case percorrer distancia desde os ascensores.
Este lugar, situado á beira da porta de acceso desde os ascensores ao aparcamento á altura do núcleo E/F, está só limitada a ese fin e, como consecuencia o seu uso debe ser rotatorio, a fin de que quede libre para outras familias que tamén reciban o alta.
Humanización
A medida enmárcase dentro do plan de humanización das instalacións hospitalarias e ten como obxectivo evitar molestias ás nais e os seus bebés, nun momento delicado como é a saída do hospital despois de dar a luz.
É unha iniciativa que pretende reforzar, ademais, a importancia da área maternoinfantil do Álvaro Cunqueiro, a maior maternidade de Galicia, e que é acorde coas directrices que fixa o Plan Estratéxico da EOXI de Vigo sobre que “o paciente é o primeiro”.